O Pleno de Ribadeo aprobará avances clave para o centro de saúde e o apoio social

AMariñaXa
O Pleno Municipal aprobará a expropiación definitiva dos terreos para o ambulatorio e cederá un local á asociación local contra o cancro
261021-Foto-Concello-Ribadeo
20 May 2025

O Concello de Ribadeo dará este luns un paso decisivo no camiño cara á construción do novo centro de saúde. No pleno ordinario previsto para as 20:00 horas, aprobarase de forma definitiva o expediente de expropiación dos terreos necesarios, culminando así a complexa tramitación administrativa do proceso.

O alcalde, Dani Vega, explicou que tamén se pedirá á Xunta de Galicia a urxente ocupación das parcelas, ao tempo que se esixirá o inicio inmediato da redacción do proxecto construtivo: “Con este paso burocrático pechado, é momento de que a Xunta se poña mans á obra e comece a construír o centro de saúde que Ribadeo precisa”.

Ademais, o goberno municipal levará ao Pleno a cesión do uso dun local situado na Avenida de Asturias á asociación local de loita contra o cancro, un espazo sen uso actual por parte do Concello. Vega destacou a importancia do labor desta entidade solidaria: “Facemos esta entrega como recoñecemento ao seu traballo incansable e altruísta. Son un exemplo de servizo público e voluntariado. Este local será un lugar de acollida e apoio para quen o precisa, e iso benefícianos a todos os ribadenses”.

O rexedor destacou que se trata dun pleno “con asuntos de gran calado social”, no que tamén haberá espazo para propostas, rogos e preguntas da oposición.

⚙ Configurar cookies
0.15629911422729