O Pleno de Ribadeo aproba as ordenanzas de praias e limpeza
No pleno ordinario do Concello de Ribadeo, celebrado onte, tomou posesión do seu cargo o novo concelleiro, Marcos Villamil, que se fai cargo da Área de Medio Rural. Na sesión foron aprobadas inicialmente as ordenanzas de praias e de limpeza e xestión de residuos, que agora estarán en exposición pública durante un mes para quen queira poida presentar alegacións. O equipo de goberno deu conta da doazón dunha escultura para o cemiterio municipal de Ove.
Esta ordenanza conta con varios capítulos que analizan aspectos como a limpeza viaria, o mantemento de solares e leiras, a tenencia de animais na vía pública, a colocación de carteis e pancartas, as pintadas, a distribución de panfletos ou a limpeza e conservación do mobiliario urbano e as zonas verdes. Ademais establece sancións en caso de incumprimentos.
Na de praias se regulan temas como a presenza de cans, as actividades deportivas, a pesca ou a prevención de riscos, como os desprendementos.
Entre os asuntos tratados no pleno estivo a solicitude da Xunta dunha interpretación xurídica dun artigo do Plan Xeral sobre cal debe ser a prevalencia legal da tipoloxía de especies arbóreas en Ribadeo.
Ademais das mocións dos grupos, abordouse unha iniciativa de urxencia da confraría de pescadores pedindo o apoio da corporación ás súas demandas sobre o novo regulamento europeo. Esta si foi aprobada mentres as presentadas polo Partido Popular non conseguiron o apoio do Pleno.