O pleno de Ribadeo aborda proxectos clave en mobilidade, sanidade, vivenda e cultura

AMariñaXa
A sesión municipal tratará a creación dun novo aparcadoiro, o centro de saúde, 300 vivendas protexidas e a recuperación da capela da Virxe do Camiño
Ribadeo-capela-Virxe-do-Camiño-2026
31 Mar 2026

O Concello de Ribadeo celebra hoxe, a partir das 19:00 horas, unha sesión plenaria na que se debaterán e someterán a aprobación varios asuntos estratéxicos para o futuro do municipio. Entre eles destacan iniciativas vinculadas á mobilidade, á mellora dos servizos sanitarios, á creación de vivenda pública e á dinamización cultural.

Un dos puntos centrais será a aprobación provisional da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para habilitar un novo aparcadoiro público na avenida Rafael Fernández Cardoso. Segundo explicou o alcalde, Dani Vega, o obxectivo é incrementar o número de prazas nunha zona céntrica, compatibilizando este uso cos espazos humanizados e incorporando puntos de recarga para vehículos eléctricos. O rexedor subliñou que se trata dun proceso administrativo complexo que require múltiples autorizacións, pero que supón “un paso moi importante” para mellorar a mobilidade urbana.

No ámbito sanitario, o pleno dará conta da entrega dos terreos á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde. Tras superar unha tramitación urbanística prolongada, o Sergas poderá iniciar agora o desenvolvemento do proxecto. Vega destacou que esta infraestrutura permitirá concentrar servizos como o PAC, o 061 e o propio centro de saúde, mellorando a atención á cidadanía.

Outro dos asuntos relevantes será a aprobación do convenio co Bispado de Mondoñedo para a cesión temporal da capela da Virxe do Camiño. O inmoble, actualmente en desuso, será transformado nun espazo cultural multifuncional destinado a actividades asociativas e eventos, recuperando así un elemento patrimonial no corazón da vila.

A orde do día inclúe tamén o avance na tramitación para a construción de 300 vivendas protexidas, unha actuación que o goberno local cualifica como unha das máis ambiciosas da historia recente de Ribadeo. Ademais, abordarase o proceso de irmandamento coa localidade de Tala, así como a solicitude de fondos á Deputación de Lugo para investimentos en infraestruturas, saneamento e instalacións deportivas.

O alcalde salientou que se trata “dun pleno moi importante, con temas de gran interese para Ribadeo”, no que se sentarán as bases de futuros proxectos orientados a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

0.11782717704773