O pleno de Foz rexeita a compra dun solar para vivenda social por 550.000 euros

Foz
AMariñaXa
PP e BNG votan en contra da proposta do PSOE, que buscaba garantir vivenda de alugueiro social con apoio da Xunta
Concello-de-Foz-2025
26 Sep 2025

No último pleno municipal, a proposta do goberno socialista de adquirir un solar céntrico por 550.000 euros para desenvolver vivenda social foi rexeitada cos votos en contra do PP e do BNG. O plan do PSOE condicionaba a compra ao compromiso da Xunta de construír vivendas de promoción pública, unha medida que, segundo o alcalde, Francisco Cajoto, buscaba ampliar a oferta de alugueiro social en Foz.

“PP e BNG votaron non á vivenda social”, sinalou Cajoto, lembrando que o Concello xa proporcionou terreos para proxectos similares no pasado, permitindo que familias sen recursos puidesen acceder a unha vivenda en rúas como Julia Minguillón e Corporacións Municipais. Ademais, o rexedor explicou que se continúa traballando na posibilidade de desenvolver o solar a través do Ministerio de Vivenda, pero que, de non prosperar esta alternativa, a Administración local debe actuar de maneira tradicional.

Por parte do PP, Javier Castiñeira criticou duramente o plan, cualificándoo de “malgasto innecesario de máis de medio millón de euros nun terreo que podería ser cedido gratuitamente polo Goberno, como xa se fixo noutros concellos”. O voceiro popular recordou que en abril se aprobou unha moción para instar ao alcalde a negociar coa Sareb a cesión gratuíta do solar, sen que ata agora se realizasen xestións efectivas.

Os populares insistiron na urxencia de vivenda protexida en Foz, especialmente para persoas novas e familias con menos recursos, e acusaron ao alcalde de actuar con “neglixencia e irresponsabilidade”, ao priorizar a compra diante dunha opción que non suporía custo económico para o Concello.

O BNG, pola súa banda, lembrou que a súa moción de abril tamén propoñía negociar a cesión do solar con Sepes para desenvolver vivenda pública, coincidindo así parcialmente coa necesidade de ampliar a oferta de alugueiro social, pero sen apoiar a compra proposta polo PSOE.

⚙ Configurar cookies
0.13205885887146