O Pleno de Burela debatirá a proposta de cidade Amiga da Infancia e a situación laboral das coidadoras de comedor
O Concello de Burela celebra mañá un Pleno ordinario no que, entre outros temas, debatirase a proposta para ser recoñocida como unha cidade Amiga da Infancia e unha solución para a situación laboral das coidadoras de comedor.
“Queremos que Burela sexa recoñecida por Unicef como unha cidade Amiga da Infancia, e comprometernos a traballar polos dereitos da infancia a través de accións e medidas concretas, dotadas con recursos a curto, medio e longo prazo”, explica a alcaldesa, Carmela López.
“Para isto, é preciso ter un Grupo de Participación cos mozos e mozas, que xa é coñecido por todos os veciños e veciñas, e moi valorado pola súa implicación nestes últimos dous anos. O seguinte paso é aprobar un Plan da Infancia e Adolescencia”, engade López.
O Plan de Infancia e Adolescencia xa está listo e levase para aprobación ao pleno de mañá. Recolle as actuacións municipais das diversas áreas de goberno destinadas á infancia e á adolescencia do concello.
Ademais, establécense coordinacións complementarias con outras entidades e administracións, así como a participación directa das nenas, nenos e adolescentes residentes no municipio.
O plan realizouse grazas á creación da Mesa Técnica para a Conexión coa Infancia e a Adolescencia, na que os técnicos municipais de diferentes áreas traballaron para a súa redacción.
En palabras da alcaldesa de Burela, “un exemplo práctico do Plan é convertir a Casa da Xuventude nun espazo realmente funcional para a nosa mocidade. Recollimos peticións e ideas do Grupo de Participación para investir neste inmoble municipal e xa estamos traballando nun proxecto no que, por suposto, a mocidade terá voz”.
Coidadoras do comedor
O pleno debatirá tamén mañá unha solución para a situación laboral das coidadoras do comedor. “O persoal do concello é unha asignatura pendente, que este equipo de goberno pretende superar coa xa coñecida Relación de Postos de Traballo (RPT), na que estamos traballando desde o primeiro día”, explica Carmela López.
“Paralelamente, hai decisións que hai que tomar para dar solución a problemas enquistados. É por iso que levamos ao pleno un conflicto colectivo cuxa primeira sentenza data do 2015 e polo cal adaptaremos ao convenio colectivo do concello cinco postos de traballo”, engade.
Aínda que existen outros empregados e empregadas públicas do Concello de Burela que non dispoñen dunha estrutura retributiva adaptada ao convenio colectivo do persoal laboral municipal, non contan cunha sentenza xudicial que obriga de modo firme e executivo a adoptar esta solución con carácter inmediato.
“É necesario resolver o conxunto das situación laborais, pero esta lóxicamente debe anteceder ás restantes”, remata a alcaldesa.