O Pleno de Burela aprobou dúas modificacións de crédito por importe de máis de 2.200.000 euros
O equipo de goberno actúa con previsión e con provisión de fondos, segundo subliñou o alcaldesa, Carmela López, tras o pleno ordinario celebrado onte e no que foron aprobadas dúas modificacións de crédito por importe de máis de 2.200.000 euros, que se destinarán a realizar diferentes actuacións na vila.
A rexedora explicou que “con estas modificacións de crédito dotamos partidas orzamentarias para poder facer inversións. Por exemplo para finalizar os expedientes de expropiación dos terreos dotacionais e tamén obras como as da Marosa (a grada do campo de fútbol, a substitución do campo de herba artificial e o peche perimetral), tamén partidas para o arranxo de beirarrúas e de vías como Leandro Cucurny, Calle do Can, Vila do Medio, mellora de parques e prazas en Vilar, O Cantiño, O Campón, Parque Rosalía de Castro, Tíjola..)”.
Carmela López subliñou que “este equipo de goberno ten claro que hai que investir en Burela e actuamos con previsión e con provisión de fondos, facendo esta modificación para ter dispoñible este diñeiro e así facer realidade proxectos e actuacións na nosa vila”.
As dúas modificacións de crédito aprobadas ascenden a máis de dous millóns douscentos mil euros. En total 2.228.058,19 euros.
O rexedora dixo que “este foi o noso primeiro pleno ordinario, convocado en prazo, tal e como estaba establecido. Estas sesións serán o último xoves de cada mes impar”.
Festivos locais
Os festivos locais no 2023 serán o luns das festas patronais (3 de xuño) e o 24 de xuño “en lugar do Martes de Entroido, porque a noite de San Xoán está a funcionar moi ben en Burela e imos apostar por esa fin de semana”.
Carmela López tamén se referiu ás mocións presentadas ao pleno: “a de Sempre Burela relativa a modificacións de tráfico, recollemos as propostas para ter en conta no Plan de Mobilidade e reordeación de tráfico no que estamos a traballar, pero non podemos tomar decisións precipitadas sen ter o resultado final. E as mocións do Partido Popular pretenden confundir aos veciños. A xestión de persoal e o mercado son temas nos que evidentemente estamos traballando, a unidade de Torrentes é un expediente complexo que merece máis que unha moción marcando dous meses de prazo para resolver, algo que leva máis de dez anos enriba da mesa”.
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, dixo que “ante as ganas de confundir e embarrar o terreo por parte do Partido Popular nós temos a determinación clara de afrontar o traballo que temos por diante para servir á veciñanza da maior maneira. Neste tempo debemos asegurar que a verdade se impoña ás manipulacións e á mentira que personifica o Partido Popular”.
PARTIDO POPULAR.
Os populares lamentan “a continua e sistemática negativa do PSOE e BNG ás propostas do Grupo Municipal Popular” porque supoñen “un agravio para os veciños e veciñas de Burela”. De feito, neste primeiro pleno ordinario do mandato, o bipartito opúxose á contratación do persoal para mellorar o funcionamento da administración local e dar mellor servizo aos bureleses; a acelerar o proceso de regularización do mercado semanal dos venres que está a desaparecer; a poñer en valor un dos grandes atractivos turísticos de Burela como é a praia da Marosa e tamén a dar cumprimento á sentenza xudicial que pesa sobre o Concello de Burela para resolver a Unidade de Actuación de Torrentes que alonga un proceso que xa leva 18 anos en curso.
Os concelleiros do PP consideran aínda máis chamativo que “o bipartito rexeite avanzar en xestións que recollían no programa electoral co que concorreron ás pasadas eleccións municipais” como é o caso da reubicación do mercado semanal dos venres. PSOE e BNG votaron en contra da proposta do Grupo Municipal Popular que incluía tamén a elaboración dun regulamento específico argumentando que “non era suficiente o prazo de dous meses que propoñíamos para iniciar a súa execución por tratarse dun asunto urxente debido a que o mercado semanal dos venres está a desaparecer paseniñamente e, ao mesmo tempo, un prazo considerable para realizar certas xestións”. Deste xeito, “están a recoñecer as súas limitacións á hora de dar cumprimento a unha promesa que fixera o PSOE e que, á última hora, se sumara tamén o BNG”.
Por outra banda, dende o Grupo Municipal Popular lembran que “o Concello está obrigado, dende fai anos, a devolver aos propietarios unha contía económica en relación á Unidade de Actuación de Torrentes, pero o propio goberno local bipartito votou en contra de cumprir co seu deber”.
O PP tamén pedía mellorar o funcionamento do Concello e a atención aos veciños a través da contratación de persoal técnico para áreas carentes del porque “non hai arquitecto nin arquitecto técnico dende fai meses e iso está a paralizar expedientes”. Tamén pedían “a modificación do horario laboral e da forma de traballo de determinados departamentos como o de intervención que só acude a Burela unha vez á semana e tamén supón a paralización de expedientes”.
O bipartito tamén se opuxo á posta en valor dun dos grandes areais da comarca, a praia da Marosa, que é a única que conta con bandeira azul este ano porque, a pesar de ter concedidas tres para os areais bureleses, o goberno local non foi capaz de contratar socorristas e, polo tanto, non se poden izar.
Con motivo do 30 aniversario do primeiro izado desa bandeira azul, os populares propoñían a celebración dun acto a través do que darlle publicidade na época estival de forma que contribúa a promover as visitas á vila. “Unha vez máis a negativa a facer calquera recoñecemento aos nosos potenciais turísticos por parte do goberno local fixo que esta moción non saíra adiante”, lamentan.