O pleno de Burela aborda a suba das taxas da auga e sumidoiro e renova o convenio co Catastro

O Concello de Burela celebra este xoves, 5 de xuño, o pleno ordinario correspondente, adiado debido ás Festas Patronais. A sesión inclúe asuntos de notable relevancia para a xestión municipal, entre os que destacan a actualización das taxas de auga e sumidoiro e a renovación do convenio de colaboración coa Dirección Xeral do Catastro, unha ferramenta que se demostrou esencial na tramitación urbanística e na regularización de propiedades no municipio.
O executivo local destaca que, grazas ao convenio vixente co Catastro, o Concello puido tramitar durante o ano 2024 un volume considerable de expedientes sen que a veciñanza tivese que xestionar directamente estes trámites. As actuacións abrangueron desde novas construcións até cambios de uso, segregacións e modificacións de titularidade. A Oficina Técnica municipal tamén levou a cabo traballos de catalogación do dominio público, o que permitiu resolver situacións irregulares en propiedades lindeiras.
No que vai de 2025, xa se contabilizan varias decenas de expedientes relacionados con cambios na orde xurídica das propiedades, e a intención do goberno é incluír esta nova liña de traballo no convenio que se someterá agora a aprobación plenaria.
Outro dos puntos destacados da orde do día será a actualización das ordenanzas fiscais relativas ás taxas de subministración de auga e de saneamento. Carmela López, alcaldesa de Burela, recoñece que non é unha medida popular, pero insiste na necesidade de actuar con responsabilidade: “A ninguén lle gusta subir taxas, pero gobernar tamén implica dicir a verdade. Non actualizar as tarifas durante anos xerou unha débeda de 200.000 euros que agora temos que asumir”.
Desde o ano 2020, estas taxas non se revisaran conforme ao IPC. No 2024 aplicouse xa un incremento do 9,6%, pero quedaba pendente outro 6,9% que se sumará agora, xunto co axuste correspondente ao IPC interanual entre agosto de 2023 e agosto de 2024, que é do 2,3%. O aumento total previsto para este ano sitúase así no 9,4%.
Segundo a rexedora, o Concello conta hoxe cunha situación económica saneada que permitirá afrontar a amortización da débeda “sen comprometer nin os servizos básicos nin os investimentos prioritarios”.
Ademais, o pleno tratará bonificacións fiscais para proxectos da Confraría de Pescadores e a aprobación do Plan Económico-Financeiro, un documento que se presenta como paso necesario para garantir o cumprimento dos obxectivos orzamentarios.
A sesión terá lugar ás 20:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello e desenvolverase integramente de xeito presencial, sen opción de participación telemática.