O pleno de Barreiros reclama conxuntamente a financiación completa do Servizo de Axuda no Fogar

O pleno do Concello de Barreiros, celebrado na noite de onte, acordou por unanimidade que as tres forzas políticas presentes –BNG, PSOE e PP– se dirixan á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado para solicitar o financiamento íntegra do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), conforme á lei de dependencia.
Durante o debate sobre a solicitude do Plan Concertado de Servizos Sociais, as tres formacións coincidiron en sinalar que o actual financiamento é insuficiente e que os concellos se atopan sometidos a unha situación de “asfixia económica”. Ante esta realidade, a alcaldesa, Ana Ermida, propuxo un acordo de urxencia para reclamar o 100% do financiamento do SAF e denunciar que a recente suba anunciada pola Xunta non é suficiente.
Ermida explicou que “os números en groso nos servizos sociais amosan que estes servizos custan ao Concello de Barreiros aproximadamente 1 millón de euros, dos cales a Xunta aporta uns 300.000 euros”. A rexedora subliñou que “é insostible que o Concello poida prestar os servizos que lle corresponden, porque está facendo fronte a un servizo básico que afecta directamente á vida das persoas. Ese financiamento municipal detráese doutras obras ou servizos que deberíamos poder prestar, e así ponse en risco a viabilidade municipal”.
A alcaldesa destacou que, con este acordo unánime, “trátase de poñer por diante a defensa dos concellos, especialmente do Concello de Barreiros, e reclamar a quen corresponda que se asuman as obrigas de financiamento para garantir o funcionamento do SAF e do resto de servizos municipais”.