O Plataneiro do Pazo de San Isidro entra no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

O Plataneiro de Sombra localizado no Pazo de San Isidro, en Mondoñedo, acaba de ser recoñecido oficialmente como unha das árbores senlleiras de Galicia, segundo publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) na súa última resolución.
Este exemplar da especie Platanus hispanica Mill. ex Münchh destaca polo seu porte excepcional, sendo esta a razón principal da súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras, unha ferramenta pública de conservación e protección do patrimonio natural arbóreo. Trátase dun recoñecemento que pon en valor o patrimonio vexetal de Mondoñedo e reforza a súa relevancia dentro do conxunto natural galego.
Ademais do plataneiro mindoniense, o DOG recolle a incorporación doutros exemplares senlleiros en Galicia: tres azaroleiras na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, en Pontevedra; un érbedo en Redondela; e dúas árbores de gran simbolismo cultural na Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón —unha camelia e o Loureiro dos Poetas.
O Catálogo tamén actualiza o seu contido con descatalogacións de exemplares que perderon as condicións necesarias, como o Cocoteiro do Pazo de Meirás (Sada), o Carballo de Vilardefrancos (Carballo) e as Faias do Pazo de Castrelos (Vigo).
Cómpre lembrar que o Catálogo galego de árbores senlleiras, creado en 2007, está en constante revisión e aberto á participación cidadá, xa que administracións, propietarios, centros de investigación ou entidades ambientais poden propoñer a incorporación de novas árbores ou formacións destacadas. Actualmente, suma 204 elementos protexidos (156 exemplares individuais e 48 formacións), pertencentes a 84 especies distintas.
As árbores incluídas neste catálogo deben reunir características excepcionais en termos de tamaño, idade, rareza ou valor histórico, cultural, educativo ou paisaxístico. Neste contexto, o plataneiro do Pazo de San Isidro convértese nun símbolo local máis de biodiversidade e memoria viva, ao que Mondoñedo suma agora un merecido recoñecemento.