O Plan Único do 2019 repartirá 21 millóns entre os 67 concellos da provincia

TerraChaXa | AMariñaXa
21 Feb 2019

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentará ao vindeiro Pleno Provincial (convocado e informado a todas as formacións políticas, que xa contan coa documentación correspondente) o Plan Único 2019. Está dotado de 21 millóns da Deputación e o seu obxectivo é mellorar ou incrementar os servizos e prestacións públicas aos máis de 330.000 veciños dos 67 concellos da provincia. Pois estes fondos son para novas obras en instalacións municipais, servizos sociais, emprego, iniciativas turísticas, deportivas e culturais, administración electrónica e protección civil. Todo isto para dinamizar social e economicamente o conxunto do territorio lugués, atendendo ás necesidades veciñais.
Na proposta presentada por Campos Conde, distribúense os 21 millóns nos 67 municipios en base aos seguintes criterios obxectivos: poboación, superficie, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento. Isto supón máximos de 500.000 euros en Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba e Sarria, e mínimos duns 200.000 en Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela.
Os Concellos deberán destinar como mínimo o 50% dos fondos que lles corresponden a investimentos. Isto implica que cando menos 10,5 millóns de euros sexan para novas melloras nas instalacións públicas municipiais (acondicionamento de accesos, estradas, rúas, instalacións deportivas ou culturais, traídas de auga, alumeados públicos...).
Tendo en conta a taxa de envellecemento e a necesidade de ofrecer servizos sociais aos maiores da provincia, os municipios terán que destinar un mínimo de 1,5 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar a persoas non dependentes; prestación para a que a Xunta de Galicia non achega nin un só euro.
Os restantes 9 millóns de euros poderán destinarse a máis obras, máis servizos sociais ou ao financiamento de actividades turísticas, deportivas, culturais, grupos de protección civil ou á administración electrónica.
Anticipo do 50% e distribución de fondos por concello
Campos Conde incorpora na súa proposta un anticipo do 50% dos fondos aos concellos para inxectar canto antes no conxunto da provincia a metade do orzamento do Plan Único 2019, que ascende aos 10,5 millóns. O Pleno debaterá a proposta do Presidente o martes 26 de febreiro. De aprobarse, de seguido os municipios poderán solicitar este anticipo e presentar os proxectos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.08847188949585