O Plan Único de Barreiros destinarase á mellora do depósito da Rigueira

AMariñaXa
O Concello de Barreiros está a preparar estes días a documentación coas obras e investimentos que se incluirán no Plan Único da Deputación.
concello barreiros
14 Feb 2021

O Concello de Barreiros está a preparar estes días a documentación coas obras e investimentos que se incluirán no Plan Único da Deputación deste ano.

Segundo avanzou a alcaldesa, Ana Ermida, que vén de incorporarse tralo confinamento que tivo que pasar por estar afectada da covid, unha das primeiras accións será a compra dun camión de segunda mano para servir de axuda nas tarefas que desenvolven as distintas concellerías, habitualmente para uso dos servizos de medio ambiente e urbanismo.

Segundo indicou "o parque móbil que tiñamos no Concello estaba en pésimas condicións e por iso sempre procuramos destinar unha partida do Plan Único a ir cambiando os vehículos pouco a pouco".

Así mesmo, e continuando coa traxectoria do ano pasado, o Concello tamén volverá a sacar dous postos de emprego nas áreas de turismo e deporte e que se sufragarán con este orzamento.

Non faltará tampouco a partida destinada á mellora e asfaltado de vías rurais pero a listaxe nas que se traballará aínda non está lista.

Finalmente o Concello investirá na renovación do bombeo de abastecemento do depósito da Rigueira.

Como explica Ana Ermida, "tanto os camiños como os puntos de bombeo son investimentos que non se vén pero que son moi necesarios para dar un servizo importante aos veciños".

0.15273714065552