O Plan Básico Municipal de Trabada xa está en exposición pública
O Concello de Trabada informa aos seus veciños e veciñas da publicación no Diario Oficial de Galicia da documentación pola que se somete a información pública o seu Plan Básico Municipal.
“A través da aprobación deste Plan Básico Municipal imos a ordenar o noso territorio e apostar por un urbanismo responsable na nosa vila; é unha ferramenta necesaria, pero sobre todo un documento respectuoso co futuro deste concello”, asegura nunha carta enviada aos veciños a alcaldesa de Trabada, Mayra García.
“Dende un principio, tiñamos moi claro que era prioritario poñer orde urbanístico dentro do noso territorio, a través dun urbanismo responsable e seguro, e sobre todo un urbanismo que dera resposta ao desenvolvemento ordenado da vila; por iso, o 15 de marzo de 2017 aprobamos no pleno da corporación a proposta de Alcaldía para solicitar á Consellería de Medio Ambiente a redacción do Plan Básico Municipal do Concello de Trabada”, explica García.
A alcaldesa engade que “ao longo desta etapa traballamos cóbado con cóbado coa Administración Autonómica para poder contar cun planeamento que ofreza garantías de desenvolvemento e crecemento ordenado do pobo”.
O pasado, 6 de abril, a vista de que a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acordou aprobar inicialmente o Plan Básico Municipal de Trabada, a rexedera solicitoulle colaboración técnica durante o trámite de información pública do Plan.
Segundo consta no mesmo, durante o prazo de dous meses calquera persoa poderá examinar o documento en horario de oficina, con cita previa nas seguintes dependencias: Concello de Trabada (rúa do Concello, nº 15, 27765 Trabada, Lugo, teléfono 982 13 50 11); ou no Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo (avenida Ramón Ferreiro, 28, 27071 Lugo, teléfono 982 29 43 96).
Así mesmo, poderá consultarse o documento a través da seguinte ligazón.
Durante o referido prazo, calquera persoa poderá achegar alegacións no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos rexistros e oficinas sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como no seguinte enderezo de correo electrónico: sxurb@xunta.gal.
Ademáis, o concello organizará diferentes reunións nas parroquias para facilitarlles os documentos a toda a veciñanza, para que reciban a información do Plan e así mesmo axudarlles a tramitar as alegacións, “porque para nós é fundamental que este documento conte cun amplo apoio, para obter o maior consenso posible sobre o documento máis importe do desenrolo urbanístico de Trabada”, remata Mayra García.
CALENDARIO REUNIÓNS INFORMATIVAS ÁS 11:30 HORAS
- Luns, 26 de abril no Salón de Actos da Casa da Cultura en Trabada.
- Mércores, 28 de abril no no Centro Cívico en Valboa.
- Venres, 30 de abril no Centro Cívico en Vidal.
- Luns, 3 de maio no Teleclube en Sante.
- Mércores, 5 de maio no Salón de Actos da Casa da Cultura en Trabada, para os veciños da parroquia da Ría de Abres.
- Venres, 7 de maio no Centro Cívico de Vilapena.
- Luns, 10 de maio no Centro Cívico en Vilaformán.
- Mércores, 12 maio no Centro Cívico en Vilarbetote.
- Venres, 14 de maio no Centro Cívico de Fórnea.
- Mércores, 19 de maio no Centro Cívico en Trabadela.
- Venres, 21 de maio no Salón de Actos da Casa da Cultura en Trabada.
- Luns, 24 de maio no Salón de Actos da Casa da Cultura en Trabada, para os veciños da Ría de Abres.
- Mércores, 26 de maio no Salón de Actos da Casa da Cultura en Trabada.
- Venres, 28 de maio no Salón de Actos da Casa da Cultura en Trabada.