O Plan Básico Municipal de Trabada xa é unha realidade
O Concello de Trabada acolleu o acto de sinatura da aprobación definitiva do seu Plan Básico Municipal (PBM), “un día moi importante para o noso Concello, que marcará un antes e un despois, xa que fumos capaces de ordear o noso territorio”, manifestou a alcaldesa, Mayra García Bermúdez
Asistiron ao acto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, Ángeles Vázquez Mejuto; a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz; Fernando Delgado, director de planeamento de Urben Consultores (equipo redactor do plan básico); Patricia Abelleira Sánchez, arquitecta municipal, así como membros da corporación municipal.
No comezo da súa intervención, a alcaldesa fixo un repaso de todo o traballo realizado para a elaboración do Plan Básico Municipal. “O día 13 de xuño de 2015 tomei posesión como alcaldesa deste pobo e o 8 de febreiro do 2016 mantiven a primeira das dez reunións informativas que organizamos nas parroquias coa finalidade de dar a coñecer a delimitación dos núcleos municipais que se establecían no documento previo á aprobación inicial do PXOM, iniciado alá polo ano 2003 pero que pasados 12 anos estaba aínda nunha fase moi inicial”, lembrou.
En palabras de García Bermúdez, “tiña claro que era preciso poñer orde urbanístico porque había moitas construcións realizadas sen licenza municipal, que se encontraban fora de ordenación, incluso nas delimitacións de suelo urbano. Dende o goberno municipal queríamos fixar un urbanismo responsable e seguro, que permita un desenvolvemento ordenado do territorio, polo que o 15 de marzo de 2017 aprobamos no Pleno da Corporación a proposta de Alcaldía de solicitar á Consellería de Medio Ambiente a redacción do Plan Básico Municipal do Concello de Trabada”.
“Cinco anos máis tarde, estamos aquí e durante este período traballamos codo con codo coa administración Autonómica para poder contar cun planeamento que ofreza garantías de desenvolvemento ordenado do pobo”, engadiu.
García Bermúdez tivo palabras de agradecemento “para o equipo de goberno de Trabada” e para Encarnación Rivas, "unha persoa que vive o seu traballo, que coñece e quere a Galicia e sobre todo que é unha gran profesional, que intenta resolver as cuestións que inevitablemente van aparecendo polo camiño, porque ten vontade e porque o seu profundo coñecemento fai que teña unha amplia óptica do urbanismo galego, así que as miñas felicitacións".
“Estamos especialmente satisfeitos polo conseguido, por ter unha garantía xurídica para os técnicos pero tamén para a veciñanza, e sobre todo, por ter acadado entre o goberno municipal e os veciños de Ría de Abres manter a clasificación de solo urbano. Cremos que foi moi importante manter as reunións informativas coa veciñanza, tanto na fase de aprobación inicial como despois de que se resolveran as alegacións; agradecemos tamén a participación da veciñanza nas mesmas”, declarou a alcaldesa.
Por último, García Bermúdez agradeceu a visita da conselleira Ángeles Vázquez, aproveitando a ocasión para “solicitarlle a súa colaboración para ofrecerlle aos veciños unha nova dotación: un auditorio”.
A alcaldesa fíxolle entrega a Ángeles Vazquez e Encarnación Rivas dun obsequio institucional. A conselleira asinou tamén no Libro de Honra do Concello de Trabada.