O Plan Básico Municipal de Trabada recibe o respaldo da Xunta Consultiva
A alcaldesa e deputada provincial delegada da área de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, asistiu en Santiago ao pleno da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia, na que se informou “favorablemente” o plan básico municipal de Trabada.
O plan básico municipal marcará un antes e un despois na historia de Trabada, xa que se trata dunha ferramenta fundamental para a ordenación e o desenvolvemento do concello, apostando sempre por un urbanismo responsable e respectuoso.
“Hoxe é un día moi importante para Trabada”, afirmou García Bermúdez, que tivo unhas palabras de agradecemento e afecto para a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas: “Foi un pracer traballar contigo e co teu equipo, pois ambas tiñamos a vontade de sacar adiante este plan como un instrumento fundamental para a ordenación e desenvolvemento do noso concello”.
“Estamos especialmente satisfeitos polo conseguido, por ter unha garantía xurídica para os técnicos pero tamén para a veciñanza, e sobre todo, por ter acadado entre o goberno municipal e os veciños de Ría de Abres manter a clasificación de solo urbano, pois no documento de aprobación inicial desaparecía e delimitábanse dous núcleos rurais e solo rústico”, explica a alcaldesa.
“Cremos que foi moi importante manter as reunións informativas coa veciñanza, tanto na fase de aprobación inicial como despois de que se resolveran as alegacións; agradecemos tamén a participación da veciñanza nas mesmas e agora quedamos á espera de que a consellería de Medio Ambiente aprobe definitivamente este plan, que entrará en vigor antes de que remate este ano”, engade a alcaldesa.
Mayra García Bermúdez lembra que “o 13 de xuño de 2015 tomei posesión como alcaldesa deste pobo, e o 8 de febreiro do 2016 mantiven a primeira das dez reunións informativas que organizamos nas parroquias do concello coa fin de dar a coñecer a delimitación dos núcleos municipais que se establecían no documento previo á aprobación definitiva do PXOM. Un documento iniciado alá polo ano 2003, pero que pasados 12 anos estaban aínda nunha fase moi primaria e inicial”.
En palabras da alcaldesa, “dende un principio, tiñamos moi claro que era prioritario poñer orde urbanístico dentro do noso territorio, a través dun urbanismo responsable e seguro, e sobre todo, un urbanismo que dera resposta ao desenvolvemento ordenado da vila. Por iso, o 15 de marzo de 2017, aprobamos no Pleno da Corporación a Proposta de Alcaldía para solicitar á Consellería de Medio Ambiente a redacción do Plan Básico Municipal do Concello de Trabada”.
“Cinco anos máis tarde, estamos aquí, cos deberes feitos, e orgullosos do traballo feito ata hoxe”, remata a alcaldesa de Trabada.