O Pladiga amplía a videovixilancia dos montes para cubrir o 85 % do territorio

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Un operativo humano de 7.000 persoas contará co apoio aéreo dunha trintena de medios, 380 motobombas e novas máquinas hidrostáticas polivalentes
pladiga-xunta-2
Formación de persoal do Pladiga
12 Aug 2024

A Xunta aprobou a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2024, que contempla unha serie de novidades materiais, tecnolóxicas e de persoal co obxectivo final de reducir ao máximo posible as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.

Entre as principais novidades desta actualización destaca o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego conte con videovixilancia. Así, está previsto instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, o que indica que a rede de fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos.

Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).

Con esta tecnoloxía, en caso de detectarse un lume, é posible a súa visualización en directo e o seguimento da súa evolución en tempo real, sendo un mecanismo de apoio á toma de decisións durante a extinción de lumes.

En canto á prevención, a través do Pladiga prevese actuar en máis de 60.000 hectáreas, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo, e para o que se destinan 41,1 millóns de euros, un 6 % máis con respecto ao do ano anterior

Melloras no persoal

Ademais, neste documento tamén se incorporan melloras no persoal, coa aplicación efectiva do aumento do tempo de traballo dunha parte do persoal laboral, pasando a traballar sete meses nesta anualidade, oito meses no 2025 e nove meses no 2026.

Hai que ter en conta que dous terzos deste persoal xa traballa ao longo de 12 meses.

Así, o operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este é un dato semellante ao das últimas campañas.

Medios materiais

En canto aos medios materiais, Galicia contará un ano máis con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que achega o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais. Cómpre destacar, neste sentido, a recente entrega de 18 motobombas novas nunha actuación na que se investiron cinco millóns de euros.

Estes vehículos distribuíronse entre 15 distritos forestais das catro provincias, concretamente nos de Ferrol, Santiago Meseta-Interior, Barbanza, Fisterra, A Mariña, Fonsagrada-Os Ancares, Lugo-Sarria, Terra Chá, Valdeorras-Trives, Verín-Viana, A Limia, Deza-Tabeirós, O Condado-A Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés.

Realizaranse ademais, 36 cursos teórico-prácticos nos distritos forestais aos que se asignaron estas motobombas, que estarán destinados aos bombeiros forestais condutores que manexarán estes vehículos.

Con respecto ás melloras materiais, destaca tamén a adquisición de seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes. Trátase de máquinas autopropulsadas que permiten realizar tanto traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) como de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.

Así mesmo, destaca a entrada en funcionamento, este ano, da base de medios aéreos de Verín-Oímbra ou a construción de 44 novos puntos de auga, así como o mantemento dos 4.843 puntos existentes, para prestar servizo aos medios aéreos e terrestres do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF).

Outro avance tecnolóxico ten que ver coa instalación de móbiles, tablets e a aplicación Xeocode Lite (de xestión da información sobre lumes) nas motobombas do SPIF, o que mellorará a súa operatividade e permitirá, entre outras utilidades, facilitar datos sobre o posicionamento, en tempo real, dos medios dispoñibles.

Así mesmo, afondarase na mellora dos recursos dispoñibles para a extinción con medidas como a incorporación ao aplicativo infraestruturas da información dixital da Rede de Puntos de Recepción de Medios. Deste xeito, procederase á identificación, avaliación e dixitalización desta rede, que actualmente conta cun total de 988 puntos (trátase dunha base de datos activa, suxeita a modificacións -altas e baixas-).

Parroquias de Alta Actividade Incendiaria

Outros contidos do Pladiga refírense, por exemplo, á determinación das Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), que son aquelas incluídas en zonas declaradas como de alto risco que, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen de medidas extraordinarias de prevención e de protección dos montes fronte os lumes.

O número total de PAAI no ano 2024 é de 40 e non varía respecto ao dato de 2023. Incorpóranse ao listado tres parroquias e saen outras tres. As que saen do listado son as de Santa Uxía de Ribeira (Ribeira), Requeixo (Chandrexa de Queixa) e Parada da Serra (A Gudiña). Entran na listaxe as de Santa Baia de Boiro (Boiro), San Millao (Cualedro) e Santigoso (A Mezquita).

En relación cos obxectivos de control, que se calculan a raíz dos valores medios dos últimos 10 anos, establécense, entre outros, os de que a superficie queimada total e por lume estean por baixo da media do último decenio. Tamén, que os lumes de máis de 25 hectáreas estean por baixo do 2 % do total e que aqueles inferiores a 1 ha estean por riba do 70 % do total de rexistros. Sobre o plan preventivo, que se integra no Pladiga, cómpre destacar que suporá actuar en máis de 60.000 hectáreas e en preto de 5.400 quilómetros de vías, cun orzamento que supera os 41 millóns de euros.

Outro dos plans que forman parte do Pladiga é o de Formación. Neste contémplanse ata 37 cursos en 553 edicións, con máis de 14.000 prazas, o que suporá superar as 150.000 horas de formación. Ademais, no apartado de concienciación cidadá, prevense cando menos 40 charlas dirixidas á poboación das parroquias PAAI.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1766140460968