O pincheiro “Siempre Antares” levará a Virxe do Carme na procesión marítima de Celeiro

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro informou que o pincheiro “Siempre Antares”, da empresa Pesquera Parrocha S.L., será o buque encargado de portar a imaxe da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, na tradicional procesión marítima das festas patronais e do mar que se celebrará o domingo 27 de xullo na ría vivariense.
Segundo explica a propia Confraría, falar de Celeiro é falar do mar, e falar do mar en Celeiro é falar da Virxe do Carme, “Patroa dos Mariñeiros”. Esta devoción remóntase a mediados do século XX, cando comezaron as primeiras procesións marítimas neste porto da costa lucense. A Virxe do Carme, aínda que foi proclamada oficialmente patroa da Mariña de Guerra Española en 1901, xa era unha advocación moi popular entre os mariñeiros desde o século XVIII, especialmente na Illa de León (San Fernando, Cádiz).
A Confraría destaca que o “Siempre Antares”, construído en 2002 e pertencente á flota de Celeiro, ten 149 TRB de arqueo, 33 metros de eslora, 7,5 de manga e 3,7 de puntal. É un buque moderno que faena nas augas do Gran Sol a modalidade de palangre de fondo nas zonas CIEM VB, VI, VII e VIIIAB, formando parte da flota NEAFC.
A procesión marítima, que se celebra desde 1951, é unha cita tradicional na que a imaxe da Virxe do Carme percorre a ría a bordo dun buque. A primeira edición contou co “Marina número Dos”, seguido en 1952 polo “A Milagrosa”. Dende entón, celebráronse 72 edicións, sendo a vindeira a número 73. Nos últimos anos, embarcacións como o Albelo Primeiro (2024), o Saiñas (2023) ou o Currana Un (2022) levaron a imaxe da patroa.
A Confraría lembra que esta procesión é tamén “a historia da súa xente: dos que faenan no mar, dos que esperan na terra, dos que rezan por un regreso seguro”. Cada xullo, a imaxe da Virxe é trasladada desde a igrexa ata o porto para embarcar nunha das embarcacións, e este ano o honor será para o “Siempre Antares”.
Para a Confraría, cada embarcación representa “non só un barco, senón unha familia, unha comunidade, unha historia de fe e mar”, e a celebración é “unha manifestación profunda de fe, gratitude e esperanza para toda a comunidade pescadora do porto de Celeiro”.