O pianista Guillermo Cruzado actúa en Ribadeo

AMariñaXa
Guillermo Cruzado está moi satisfeito coa acollida que sempre lle brinda o público da vila
guillermo-cruzado
22 Xul 2024

Xa están á venda as entradas para o concerto de piano que o ribadense Guillermo Cruzado Martín ofrecerá na igrexa parroquial o próximo 2 de agosto ás 21.15 horas. “Vai ser un recital de piano clásico romántico con música española tamén, parte do programa forma parte do meu repertorio e outras son novas para min. Vai ser un programa moi bonito, moi dedicado para o público de Ribadeo, que sempre é un privilexio poder tocar en casa”, explica Cruzado.

Este é o seu cuarto concerto en Ribadeo. “Tenteino facer sempre cada dous anos aínda que o tiven que interromper pola covid. Fíxeno en 2016, no 2018, no 2022 e agora este cuarto en 2024”. Guillermo Cruzado está moi satisfeito coa acollida que sempre lle brinda o público de Ribadeo. “A verdade é que a resposta do público é moi calorosa e a xente é moi cariñosa sempre comigo. Todos os veráns lémbranme que teño que dar un concerto e o verán que non o fago motívanme moito máis para facelo no seguinte, así que levo todo este inverno en Madrid traballando e moi ilusionado con este verán”.

Para Cruzado Martín tocar en Ribadeo é moi especial: “Para min é moi especial porque fixen moitos concertos en Madrid e noutros lugares, pero sempre en casa no verán é un luxo. Vén moita familia de fóra, moitos amigos e toda a xente de Ribadeo que me apoia de forma incondicional. E o que che digo, prepároo con moita ilusión porque é moi emocionante para min tocar aquí”.

As entradas para asistir ao concerto de piano de Guillermo Cruzado xa están á venda. “Pódense adquirir na Casa do Vello Pancho en horario de mañá e tamén poñéndose en contacto comigo. Como é na igrexa, non hai despacho de billetes entón a xente ten que levar entrada. Ata o 2 de agosto, ata o día do concerto, vai haber entradas para que ninguén llo poida perder. Esperemos que vaia a maior xente posible e que ninguén quede fose”.

O pianista ribadense anima a asistir ao seu cuarto concerto en Ribadeo: “Convídolles con moita ilusión ao meu concerto para que podamos gozar da música, dese poder sanador tan incrible que ten a música, e pasar un intre xuntos nunha noite de verán, nun lugar novo, xa que é a primeira vez que dou un concerto na igrexa, para que gocemos xuntos dunha acústica tan especial”.

0.091667890548706