O persoal educativo de Barreiros levou a cabo unha xornada de formación en primeiros auxilios nas idades pediátricas
O Concello de Barreiros levou a cabo unha significativa xornada de formación en primeiros auxilios nas idades pediátricas destinada ao persoal da Escola Infantil Municipal e do comedor do Ceip San Cosme.
A alcaldesa Ana Ermida e a concelleira de Educación e Igualdade, Montse Porteiro, destacaron a importancia desta iniciativa para garantir a seguridade e o benestar valorando moi positivamente esta aprendizaxe.
Ana Ermida expresou que "a formación en primeiros auxilios é fundamental, especialmente cando se trata do persoal que traballa con nenas e nenos. Estamos comprometidos en proporcionar as ferramentas necesarias para actuar de maneira efectiva en situacións de emerxencia, asegurando así unha contorna segura e protectora para as crianzas".
A xornada formativa, que tivo lugar na Escola Infantil Municipal, contou coa participación activa do persoal da escola infantil e do comedor do Ceip San Cosme.
Montse Porteiro, concelleira de Educación e Igualdade, engadiu que "É esencial brindar ao noso persoal as habilidades e coñecementos necesarios para abordar calquera situación de emerxencia que poida xurdir na contorna educativa. Este curso é un paso importante cara á construción dunha contorna máis segura e protectora para as nosas nenas e nenos".
A formación foi impartida por Matronas e Nais que contan con profesionais especializados en maternidade e coidado infantil. Durante a xornada abordáronse temas cruciais como o manexo de situacións de atragoamento, a resposta a episodios graves como apneas e outras continxencias que poden xurdir no coidado diario das nenas e dos nenos.
Desde o Concello de Barreiros queren lembrar tamén que, no marco do Día Internacional da Muller, 8 de marzo, está programada a lectura do manifesto institucional na Praza do Concello ás 13 horas e convidan a toda a veciñanza a que participe no acto.