O persoal da Consellería de Política Social mobilízase este xoves 10 de abril en varios centros da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Estas mobilizacións veñen motivadas polo "reiterado incumprimento", por parte da administración do acordo laboral
concentracio-centros-politica-social
9 Apr 2025

O Comité de Empresa da Consellería de Política Social en Lugo, xunto co Comité Intercentros, convoca para este xoves 10 de abril ás 11:30 horas unha serie de concentracións diante de distintos centros de traballo da provincia. As protestas desenvolveranse na Residencia de Maiores das Gándaras, na Residencia da Milagrosa, na de Monforte, na de Burela, no Centro de Protección de Menores Santo Anxo de Rábade e no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria.

Estas mobilizacións veñen motivadas polo "reiterado incumprimento", por parte da administración, do Acordo de condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería, asinado e publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 29 de decembro de 2023. Segundo denuncian os comités, a Xunta só ten aplicado parcialmente o acordo, implantando unicamente a xornada de 35 horas e o pagamento dos domingos e festivos traballados. "Con todo, outras medidas fundamentais incluídas no texto seguen sen executarse", din.

A principal reivindicación é a constitución inmediata das subcomisións previstas no propio acordo, que permitirían abordar cuestións como a creación de prazas necesarias para garantir as presenzas mínimas en todas as quendas, a cobertura das ausencias por listas de contratación, ou a implantación de dereitos como o comedor para o persoal e a compensación dos días 24 e 31 de decembro. Ademais, denuncian a tendencia a converter os centros de maiores en centros psiquiátricos sen os recursos necesarios e esixen medidas que garantan a conciliación familiar sen ter que recorrer á vía xudicial.

Desde os Comités de Empresa de Política Social insisten na urxencia de abrir negociacións reais e esixen o cumprimento íntegro do acordo asinado para garantir unhas condicións laborais dignas e unha atención de calidade nas residencias e centros da rede pública.

⚙ Configurar cookies
0.16078591346741