O período hábil da tempada de caza abrirase o 15 de outubro

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A vindeira tempada de caza será do 1 de agosto ata o 31 de xullo do 2024, co período hábil do 15 de outubro de 2023 e 6 de xaneiro de 2024
temada de caza cazador
7 Maio 2023

A vindeira tempada de caza desenvolverase desde o 1 de agosto deste ano ata o 31 de xullo do 2024, establecéndose como o período hábil xeral para exercer a actividade o comprendido entre os días 15 de outubro de 2023 e 6 de xaneiro de 2024, tal e como recolle a resolución que publicou o Diario Oficial de Galicia pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2023-2024.

Considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico. Do mesmo xeito, a xornada, ao ser unha actividade que só se pode practicar no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do solpor, virá determinada polas horas oficiais que se publiquen na web de MeteoGalicia.

Ademais dos períodos e xornadas hábiles, a norma tamén define as especies, métodos e limitacións para exercer a actividade. No que respecta á caza menor, no caso da arcea e a agacha, o período xeral tamén abranguerá do 15 de outubro ata o 6 de xaneiro do vindeiro ano —aínda que poderá ampliarse ata o 11 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial (RCE) que o soliciten— os xoves, domingos e festivos.

Para a lebre, a actividade cinexética estenderase do 15 de outubro ao 26 de novembro deste ano, os xoves, domingos e festivos en terreos de RCE. Con respecto ao raposo, o período xeral da batida permanecerá aberto do 1 de setembro ata o 14 de outubro e do 7 de xaneiro ata o 11 de febreiro de 2024, os xoves, sábados, domingos e festivos.

Cómpre lembrar que na práctica da caza menor nos terreos de aproveitamento cinexético común, non se poderán usar máis de 4 cans por cazador. No caso dos grupos, que non poderán estar conformados por máis de 6 persoas, o máximo de cans será de 12.

Caza maior

No relativo á caza maior, os machos adultos de corzo poderán capturarse en terreos de réxime cinexético especial do 19 de agosto ao 14 de outubro (todos os días da semana na modalidade de axexo e os sábados, domingos e festivos en batida/montaría), podendo cazarse tamén en axexo desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2024. As femias adultas permanecen vedadas con carácter xeral, permitíndose a súa caza puntual por danos e tamén nos tecores se está tecnicamente xustificada de acordo coa situación real da poboación en cada tecor, podendo escollerse entre dous períodos: do 2 de setembro ao 14 de outubro de 2023 ou do 7 de xaneiro ao 17 de febreiro de 2024.

Polo que respecta ao xabaril, no réxime cinexético común o período xeral de caza abranguerá do 19 ao 31 de agosto deste ano e do 7 de xaneiro ao 25 de febreiro de 2024, os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro de 2023 ao 5 de xaneiro do vindeiro ano os sábados, nas modalidade de batida, montaría e espera. Así mesmo, no réxime cinexético especial a tempada irá do 19 de agosto ao 25 de febreiro de 2024, os xoves, sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida, montaría e espera.

Do mesmo xeito, é importante recordar que, no caso da caza maior, nunca poderán incluírse como pezas de caza as crías e as femias cando veñan acompañadas das súas crías, os machos inmaduros de corzo, cervo e gamo; e os machos adultos que efectuasen a esmouca antes do peche do seu período hábil de caza.

0.15510201454163