O percebe volverá ser protagonista o 19 de xullo en Xove

A praza do Centro Cívico de Xove volverá ser, o sábado 19 de xullo, o epicentro dunha das festas gastronómicas máis emblemáticas da comarca: a Festa do Percebe. A celebración, que este ano cumpre a súa décimo segunda edición, foi presentada oficialmente nos últimos días coa presenza dos organizadores, membros da Asociación de Festexos A Medorra —Jordi Meitín, Julio Lamelas e Borja Cociña—, acompañados pola Primeira Tenente de Alcalde, Mª Dolores Meitín.
A xornada arrancará ás 12.00 horas cun pregón que correrá a cargo dunha figura destacada no sector mariñeiro: D. Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, será o encargado de dar o pistoletazo de saída á festa.
Música e tradición unirán forzas para animar a xornada. O ambiente estará garantido coa actuación de “Os Charangos de Neda”, que traerán a súa música tradicional á vila, e cos xa coñecidos cantos de taberna do grupo “Espera que vou mexar”, que porán ritmo e alegría a unha festa na que o percebe será o gran protagonista.
Desde a organización destacan o carácter popular da cita e convidan a veciños e visitantes a desfrutar dun evento que mestura gastronomía, tradición mariñeira e animación nas rúas. “É unha ocasión perfecta para poñer en valor un dos produtos máis representativos da nosa costa”, sinalan desde A Medorra.