O peixe entra na aula: máis de 130 escolares da Mariña participan nas xornadas Eu Como Peixe

AMariñaXa
A OPP-7 do Porto de Burela achega o mundo mariñeiro e os beneficios do consumo de peixe ao alumnado infantil de Barreiros, Trabada e Ribadeo
Burela-escolares-marina-eu--como-peixe-2025
19 Jun 2025

Durante a última semana, máis de 130 nenos e nenas de infantil e primaria de varios centros educativos da Mariña de Lugo participaron nas xornadas divulgativas “Eu Como Peixe”, unha iniciativa impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) en colaboración coa dietista Alba Vila. A actividade, dirixida a crianzas de entre tres e oito anos, busca fomentar desde idades temperás o coñecemento do sector pesqueiro e a incorporación do peixe na súa alimentación diaria.

Entre o xoves 12 e o mércores 18 de xuño, os centros CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros), CEIP Plurilingüe Celso Currás (Trabada) e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Ribadeo) foron escenario destas sesións didácticas, que forman parte do plan de produción e comercialización da OPP-7 e contan co apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

En cada unha das xornadas, o secretario técnico da OPP-7, José Manuel Beltrán, deu a benvida ao alumnado antes de dar paso á charla divulgativa conducida por Alba Vila, profesional da nutrición que tamén coordina os menús de varios colexios da contorna e conta con centros en Burela e Foz.

A actividade combina contido educativo cun enfoque lúdico e visual adaptado á idade dos participantes. “O importante é que saiban recoñecer o peixe e que entendan por que é bo para o corpo”, explican desde a organización. A través de debuxos, exemplos prácticos e moita interacción, os cativos descubriron algunhas das especies máis presentes na lonxa de Burela, como a pescada do pincho, o peixe sapo, o peixe espada, a xarda ou o bonito do norte. Ademais, aprenderon a distinguir entre peixe azul e peixe branco, un aspecto básico para entender as propiedades nutricionais de cada variedade.

A resposta dos pequenos foi, segundo os organizadores, “entusiasta e curiosa”. Participaron activamente, fixeron preguntas e amosaron moito interese polos temas tratados. “Sorpréndenos moito como os nenos recoñecen xa o peixe na súa casa ou cando van ao supermercado”, comentou Vila.

Como colofón da actividade, cada neno e nena levou para casa unha mochila de agasallo, un detalle que simboliza o espírito divulgativo e próximo destas xornadas. “Seguro que a levan con orgullo nas vacacións de verán”, sinalan desde a OPP-7.

Con esta campaña, a entidade mariñeira busca non só promover unha alimentación saudable entre os máis pequenos, senón tamén reforzar o vínculo coa actividade pesqueira local, transmitindo ás novas xeracións o valor do mar como fonte de riqueza, traballo e cultura.

⚙ Configurar cookies
0.17919898033142