O peirao de Porto Chico de Foz xa conta cun plan para a súa mellora e optimización

Foz
AMariñaXa
A Ribeira de Foz reuníuse con Portos de Galicia para obter información sobre a situación e as previsións do peirao de Porto Chico
porto chico 1
28 Mar 2023

A Asociación A Ribeira de Foz trasladouse á sede de Portos de Galicia na Coruña para reunirse coa presidenta do ente público, Susana Lenguas. A devandita reunión foi solicitada pola asociación focega para obter información veraz acerca da situación actual e as previsións da Xunta de Galicia enfocadas a solucionar os graves problemas do peirao focego de Porto Chico e que permitan optimizalo.

Xa no ano 2017 reuníronse coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, para trasladarlle as súas ideas para tratar de solucionar a problemática e optimizar o peirao de Porto Chico.

Case sete anos despois, a presidenta de Portos de Galicia trasladoulle á asociación a nova de ter esas propostas e ideas reflectidas nos planos "dun proxecto real, contrastado, argumentado e avalado na súa totalidade polos mellores técnicos do sector", din.

Neste proxecto para Porto Chico que se lles presentou á asociación, "puidemos ver sobre os planos e coas respectivas explicacións técnicas un peirao que satisfaría completamente todas as demandas", engadiron, "xa que contempla o cambio da localización actual da bocana, que daría solución ós serios problemas actuais da falta de abrigo e que daría total seguridade ás instalacións e embarcacións".

Tamén aumentaría a capacidade de prazas de amarre, mediante a instalación de tres pantaláns que aumentan a capacidade en máis de 130 plazas de distintas categorías e "coas que se faría fronte á actual lista de espera e que temos a certeza de que rapidamente se ocuparán e incluso unha parte delas poderían destinarse a embarcacións foráneas en tránsito", o dragado integral da dársena que soluciona a situación actual de que as embarcacións queden varadas en seco nas baixamares, e un pequeno aumento da propia dársena cara unha zona de recheo para facilitar a entrada ao peirao, así como unha rampla para a subida e baixada das embarcacións, motos acuáticas...

O proxecto presentado, ademais de contar co consenso e aprobación de todos os colectivos usuarios deste peirao, ten ao seu favor algo máis difícil como é a aprobación e o consenso de todos os partidos políticos que, por unanimidade no seu momento, acordaron a urxencia e necesidade de desenvolver unha remodelación que optimice Porto Chico.

O próximo trámite que permite seguir adiante con este proxecto sería o de sometelo a un estudo medio ambiental. Neste punto, dende a Asociación A Ribeira de Foz pensan que "este estudo fundamental podería non ter finalmente moita trascendencia e non dilatar no tempo a execución do proxecto, xa que entendemos que non afecta nin prexudica ao propio ecosistema da ría do Masma nin á súa diversidade animal, pois todas as obras que se contemplan quedan dentro do perímetro portuario actual".

Dentre a Asociación A Ribeira de Foz cren que se podería licitar para finais deste 2023, ou de non ser así, incluir a licitación nos vindeiros orzamentos xerais da Xunta de Galicia, "para o cal faltaría o máis importante de todo que é a vontade política da conselleria do Mar, Rosa Quintana e do presidente da Xunta de Galicia".

porto chico 2
porto chico
0.19108986854553