O Pedro Murias de Ribadeo celebrou do seu centenario
Inaugurouse a xornada conmemorativa do centenario que está a celebrar o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo. Un centro que, segundo o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, se está a consolidar como referente da formación dual, que garante as prácticas remuneradas en empresas desde o primeiro momento contribuíndo a un alto grao de inserción laboral.
Así, José Luis Cabarcos recordou que o seu ciclo medio de Formación Profesional de Aproveitamento e conservación do medio natural elevou este curso ata 15 o número de prazas novas ofertadas, para atender a demanda existente. Nesa liña, apuntou o interese que esperta a colaboración con empresas forestais da zona, así como con escolas taller e obradoiros de emprego tanto de Asturias como de Galicia e orientadores laborais de concellos e de oficinas do Instituto Nacional de Empleo (INEM).
Na súa intervención, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria incidiu en que o programa deste ciclo medio de FP na modalidade dual -que se estrutura en dous cursos- establece que os estudantes recibirán unha remuneración económica polas prácticas que vaian desenvolvendo nas empresas colaboradoras. A este importante punto a ter en conta súmase, segundo resaltou, a vinculación que se crea entre o alumno e a empresa, que -en moitas ocasións- perdura máis aló da experiencia formativa.
En todo caso, José Luis Cabarcos aseverou que os que apostan por este ciclo conseguen ao rematar un título de Formación Profesional de grao medio, a acreditación da experiencia laboral realizada en empresas polo período correspondente, ademais da mencionada remuneración como contraprestación polo seu traballo. Deste xeito, e grazas ao profesorado altamente cualificado, poden dedicarse por conta propia ou por conta allea a actividades forestais e similares, en hortas, viveiros e xardíns, en propagación e cultivo de plantas en viveiro, entre outras especialidades cada vez máis demandadas especificamente na provincia de Lugo, que aglutina o maior número de cortas de madeira de Galicia.
O director engadiu que o Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias é tamén unha figura clave no marco do programa de formación continua deseñado pola Consellería do Medio Rural, que inclúe actividades orientadas a actualizar e profesionalizar o sector primario. Nesa liña, cabe mencionar que este ano se programaron 429 cursos de formación continua, potenciando a plataforma de teleformación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria mediante a oferta de accións semipresenciais. Destas 429 iniciativas impartidas entre todas as unidades dependentes da Consellería, 210 serán desenvolvidas polos CFEA.
Programa polo centenario
Ademais da do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a programación co gallo do centenario do CFEA Pedro Murias incluíu a participación de representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre as actividades desenvolvidas no centro dende a súa creación, entre outras cuestións. Así mesmo, no acto fíxose entrega da distinción “Km 0 de Galicia” ao comedor das instalacións, outorgada pola empresa Slow Food Compostela para acreditar que preto do 60% dos alimentos empregados proveñen de canles curtas de comercialización, destacando os produtos amparados por selos de calidade.
Precisamente a xornada conmemorativa rematou cunha degustación de producións de calidade. En concreto, de distintas variedades de queixos amparados polas denominacións de orixe protexida Tetilla e Arzúa-Ulloa elaborados na aula de produtos lácteos do CFEA, con leite da explotación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).