O Pazo de San Tomé acolle unha exposición única co Mondoñedo dos anos 50 e 60

O Pazo de San Tomé de Mondoñedo converterase desde este venres nun fiestra aberta ao pasado coa inauguración dunha nova exposición dedicada á obra fotográfica de José Pernas Moirón, coñecido na vila como Pepe Pernas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa esta mostra, presentada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que permitirá redescubrir a vida mindoniense entre as décadas de 1950 e 1960.
A exhibición reúne 65 imaxes enmarcadas que foron descritas e datadas polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, nun traballo que contou coa colaboración de Andrés García Doural, profundo coñecedor da historia local e das súas xentes. Esta selección ofrece un percorrido visual pola esencia dun Mondoñedo xa desaparecido, pero vivo na memoria colectiva.
Pepe Pernas, herdeiro da tradición fotográfica do seu pai, Santiago Pernas Salazar, foi un fotógrafo de rúa que retratou con naturalidade e proximidade o día a día da vila. As súas fotografías captan escenas moi diversas: a vida urbana, os paseos pola Alameda, as celebracións populares, os bailes, os actos relixiosos, o traballo nos comercios e nos oficios tradicionais, así como os momentos de lecer que marcaban o ritmo comunitario.
A exposición propón ao público un mosaico de instantáneas que reconstrúen o Mondoñedo de mediados do século XX cunha mirada íntima e sincera, permitindo que veciños e visitantes se acheguen a unha etapa histórica que marcou fondamente a identidade da localidade. A mostra poderá visitarse durante toda a tempada de Nadal nas salas do Pazo de San Tomé.