O Pazo de Cedofeita acollerá o Magosto das Vacas Fracas con talleres, música e moita festa

AMariñaXa
A cita, o sábado 15 de novembro, incluirá actividades para todas as idades e rematará cunha foliada aberta amenizada por Saíñas de Xove
Vacas-Fracas-Ribadeo-magosto-cedofeita-2025
9 Nov 2025

O espírito do outono volverá sentirse no Pazo de Cedofeita coa celebración do tradicional Magosto das Vacas Fracas, unha xornada festiva que mestura tradición, música e participación veciñal. A actividade, organizada coa colaboración do Concello de Ribadeo, a Deputación de Lugo e o programa Cultura Vicepresidencia, terá lugar o sábado 15 de novembro, cunha programación pensada para o goce de toda a familia.

O evento comezará ás 16:30 horas cun taller de percusión con instrumentos cotiáns, dirixido por Miguel Barbazán, no que se explorarán ritmos tradicionais galegos usando utensilios tan comúns como latas de pemento, tixolas, cunchas ou culleres. A actividade ten un custo de 15 euros e require inscrición previa, xa que as prazas son limitadas.

Ás 17:00 horas, será a quenda do obradoiro familiar de construción de xoguetes tradicionais, impartido por O Recuncho das Argalladas, no que os participantes poderán elaborar pequenas pezas artesanais inspiradas no xogo popular galego. Este taller é de balde, mais tamén precisa inscrición previa no teléfono 686 810 567.

A música poñerá o broche de ouro á xornada a partir das 19:30 horas, coa actuación do grupo Saíñas de Xove, dentro do ciclo #Tradigalu2025, que promover a música tradicional galega polos distintos concellos da provincia. A continuación celebrarase unha foliada aberta, onde se invita a todas as persoas asistentes a achegar os seus instrumentos e sumarse á festa, nun encontro que promete prolongarse ata que o corpo aguante.

Desde a organización destacan que o Magosto “é unha das citas máis queridas do outono”, un momento para compartir música, risas e castañas nun ambiente de comunidade e alegría. “Queremos que o Pazo de Cedofeita se encha de sons, de bailes e de calor humana”, sinalan desde As Vacas Fracas, o colectivo impulsor do evento.

A programación combina actividades creativas, participación interxeracional e promoción da cultura popular galega, converténdose nun espazo de encontro para quen desexe celebrar o outono con espírito festivo e reivindicar as tradicións locais.

⚙ Configurar cookies
0.071317911148071