O patrimonio de Fazouro mellora a súa seguridade cunha nova intervención arqueolóxica

Foz
AMariñaXa
Cultura investe 11.400 euros nunha intervención arqueolóxica centrada na protección do xacemento e na prevención de riscos para os visitantes
FOZ-Castro-Fazouro
15 Nov 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de poñer en marcha unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Fazouro, localizado na Punta do Castro, no municipio de Foz. A actuación conta cun investimento de 11.400 euros e ten como obxectivo garantir a preservación dun enclave declarado Ben de Interese Cultural (BIC), ao tempo que se mellora a seguridade das persoas que o visitan.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que os traballos están orientados tanto á conservación das estruturas arqueolóxicas como á prevención de accidentes nun espazo situado á beira do cantil.

Entre as actuacións previstas figura a colocación dun novo valo perimetral, elaborado con pivotes e corda, para delimitar con claridade a zona accesible ao público. Ademais, instalaranse carteis informativos que advertirán das limitacións de acceso á área norte, situada xusto sobre o borde do cantil, co fin de evitar caídas ou outros riscos.

O proxecto contempla tamén tarefas de restauración e consolidación: recolocaranse pedras desprendidas das cabeceiras dos muros, reforzaranse paramentos mediante retacado sen argamasa e melloraranse as pilas do valo que guía os visitantes cara á zona sur do castro. A estes traballos súmase a limpeza integral das estruturas, coa retirada manual da vexetación e a aplicación de biocida para evitar o seu rebrote.

Outra das intervencións destacadas será a limpeza e consolidación do pavimento de opus signinum, así como a integración do seu revoco orixinal. Paralelamente, realizarase unha diagnose detallada do estado de conservación xeral do xacemento para planificar futuras actuacións.

Un enclave arqueolóxico de grande valor histórico

O Castro de Fazouro sitúase na parroquia de Santiago de Fazouro, nunha península natural á que se accede a través dun estreito istmo no que se poden observar dous foxos escavados na rocha e un parapeto de terra, características defensivas típicas destes poboados.

Parte do asentamento foi escavado e musealizado nas décadas de 1980 e 1990, permitindo recuperar e poñer en valor unha parte significativa do seu patrimonio. Nos últimos anos, a Xunta promoveu diversas actuacións de mellora e conservación, incluíndo a intervención en varandas, escaleiras e muros de protección, así como a instalación de panelería interpretativa para favorecer a visita pública.

A nova intervención reforza esa liña de traballo e busca garantir que o castro continúe sendo un espazo accesible, seguro e protexido para investigacións, veciñanza e turistas.

⚙ Configurar cookies
0.068726062774658