O Paseo do Cantiño de Burela xa está a punto trala súa renovación
O Paseo do Cantiño de Burela xa está a punto. O Concello vén de acometer dúas actuacións nesta zona cun investimento total de máis de 30.000 euros para acondicionar o paseo e renovar elementos danados por actos vandálicos.
As correntes de augas que acabaron por deteriorar o paseo foron a causa da reposición integral do firme, investindo nesta obra 12.000 euros, que segundo explicou o tenente de alcalde e responsable de urbanismo, Ramiro Fernández, “era un traballo necesario para que podan desfrutar desta zona con toda seguridade os veciños e visitantes agora que comeza o período estival”.
Por outra banda, o goberno municipal repuxo un dos castros que hai no merendeiro, “que tiraron nun acto de vandalismo incomprensible, posto que agora tivemos que desembolsar case 20.000 euros para colocalo e reforzar outro que tamén estaba en malas condicións”. Neste senso, Fernández incidiu na necesidade “de respectar e manter o mobiliario público, temos que concienciar de que o incivismo aféctanos a todos e obriga a gastar uns cartos que se poderían destinar a outras cousas”.
Ademais, a actuación no Cantiño incluíu a reparación da zona de aparcadoiro, tamén deteriorada pola rodadura dos vehículos, habilitando dúas prazas para persoas con mobilidade reducida que antes non existían. “Temos un compromiso claro coa accesibilidade e a ampliación de espazos destinados á mellora do benestar e o reforzo dos dereitos das persoas con algún tipo de discapacidade, polo que nos pareceu importante tamén crear estas dúas prazas”, subliñou o edil de Urbanismo.
Unha nova intervención do goberno local en espazos públicos polos que transita moita xente e que contribúen a conservar en boas condicións e mellorar unha das zonas de recreo máis importantes do municipio, fomentando o desfrute da veciñanza en lugares naturais, así como adecentando e acondicionando zonas chave para a atracción de turismo á vila.