O Partido Socialista cuestiona o aumento do salario da alcaldesa

AMariñaXa
O PSdeG critica a desproporcionada asignación das dedicacións e pide explicacións sobre a súa xestión en materia cultural e social
Viveiro-Pleno-municipal-2025
27 Mar 2025

Celebrouse no Concello de Viveiro o pleno de organización, no que a actuación da nova alcaldesa foi obxecto de críticas por parte da oposición. A súa intervención no pleno foi descrita como "nerviosa e cargada de desleixamento, chegando a interromper as intervencións de algúns concelleiros. De feito, foi necesaria a intervención da secretaria municipal para lembrar á alcaldesa que os asistentes tiñan dereito a réplicas nos rogos orais", din desde o grupo socialista.

En relación ás dedicacións, o grupo socialista amosou a súa disconformidade coa distribución do orzamento asignado. A pesar de que a cantidade global destinada ás dedicacións é a mesma que no anterior goberno, 84.500 euros, o 70 % desta cantidade será destinado ao salario da alcaldesa, que recibirá 59.000 euros, o que, segundo o PSdeG, "resulta totalmente desproporcionado". O partido subliñou que este incremento supón un aumento de 15.500 euros respecto ao salario da anterior alcaldesa socialista, María Loureiro.

Ademais, durante o pleno, o grupo socialista formulou dous rogos. O primeiro referido á negativa a proporcionar megafonía e tarima para a manifestación do pasado domingo en defensa da sanidade pública. O segundo rogou explicacións sobre a decisión de cancelar a subscrición ao xornal "El País" e á revista "Saber Vivir", unha iniciativa xa aprobada e consignada no orzamento para a biblioteca municipal.

⚙ Configurar cookies
0.62224912643433