O Partido Popular provincial fai balance do seu traballo, poñendo en valor as súas actuacións

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Por outra banda, desde o Partido Popular denuncian as malas prácticas do Goberno que preside Tomé
Deputados-Partido-Popular-Deputación-de-Lugo
6 Ago 2024

A defensa da igualdade de tódolos lucenses e o reparto equitativo de fondos entre tódolos Concellos, a transparencia, o contacto permanente cos veciños e os seus representantes a pé do territorio, o apoio aos sectores estratéxicos e ao desenvolvemento industrial da provincia foron as liñas principais do traballo dos deputados do Grupo Provincial Popular.

Así o explicou o portavoz, Antonio Ameijide, facendo balance ante os medios de comunicación xunto aos viceportavoces, Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, máis deputados provinciais e á presidenta do PP da provincia, Elena Candia, para “dar conta do noso traballo como representantes dos lucenses e grupo maioritario na Deputación de Lugo” intentando que sexa “próximo aos nosos veciños e útil para a provincia”.

Para os populares “todas estas cuestións -xunto á prestación de servizos, atender ás súas competencias e ao seu patrimonio e cumprir a lei- deberían ser os principais obxectivos dun goberno provincial”. Pero “o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo caracterízase polo sectarismo, a desatención aos veciños e aos bens da propia institución e o ocultismo”.

Os deputados do PP descentralizaron as reunións de traballo para coñecer máis de preto as necesidades de cada comarca e cada concello, escoitaron aos alcaldes que o presidente Tomé "non recibe", portavoces, veciños e distintas entidades facendo ducias de miles de quilómetros, revisaron tamén miles de decretos, expedientes a pesar das trabas burocráticas, acompañaron aos veciños nas súas manifestacións e, incluso, impulsaron a mobilización de alcaldes e portavoces ante a discriminación no Plan Único, agora denominado Plan Deputación, aos Concellos máis pequenos que son aos que debería axudar precisamente a institución provincial.

O Grupo Provincial Popular esgotou o máximo de iniciativas a presentar aos Plenos defendendo propostas en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias, en apoio a iniciativas industriais e ao desenvolvemento da provincia, o turismo, o sector primario, para a construción e apertura das residencias de maiores comprometidas, a cooperación cos Concellos, a atención aos animais e a transparencia, como oito eixos principais.

As iniciativas do Grupo Popular aprobadas por unanimidade dirixíanse a: recuperar as achegas de avogados e procuradores de mutualidades ao sistema RETA, reclamar ao Goberno central as obras da A-74 e ao goberno provincial un convenio propio da limpeza.

Tamén logrou o PP aprobar co voto a favor do BNG e en contra do PSOE a regularización e ampliación das instalacións da Protectora de Animais de Lugo e a retirada da nova proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús.

Do total de rogos e preguntas, os deputados provinciais dirixiron no primeiro caso 3 de cada 4 a demandar a mellora da rede viaria provincial ao seu paso por distintos Concellos ante “o total estado de abandono e o perigo que supón para os usuarios” e os restantes á conservación do patrimonio da Deputación ou ao mantemento de espazos verdes.

E, no segundo caso, tamén se interesaron por coñecer máis detalles sobre o mantemento de vías provinciais, o abandono de bens e propiedades da Deputación (residencias, polígonos industriais, Pazo Provincial dos Deportes, nave de Begonte...) ou a situación do Consorcio Provincial de Bombeiros.

O OBXECTIVO DO BALANCE

Elena Candia explicou que “o obxectivo do balance do Grupo Provincial Popular é render contas ante os lucenses que nos fixeron forza gañadora, igual que estamos facendo co resto de representantes nas distintas institucións a modo de peche de curso político”.

E, en clave municipal, recordou que aínda que “somos coñecedores que as deputacións teñen que prestar asistencia técnica, económica e xurídica aos pequenos concellos fundamentalmente, cremos que procede facer unha valoración do pouco apoio que que tivo coa cidade de Lugo, probablemente froito da mala relación política entre ambos líderes”.

"A Deputación de Lugo abandona o paseo do Rato e do Miño; segue sen solucionar o problema de inseguridade viaria nunha estrada provincial que atravesa o Burgo e que é Camiño de Santiago; así como tamén o incumprimento dun acordo plenario para axudar á protectora, “un tema que é de estrita competencia municipal”, explican.

O portavoz, Antonio Ameijide, ten denunciado ao longo deste ano “as malas prácticas do Goberno que preside Tomé”. Algunhas das actuacións de PSOE e BNG que teñen reprobado os populares foron a redución do aforo do salón de plenos para evitar que os veciños da provincia escoiten o seu posicionamento sobre certos temas que lles afectan, a expulsión en diversos plenos dos veciños de Becerreá que reclaman a apertura da residencia de maiores ou os impedimentos constantes ao deputados do Grupo Provincial Popular para acceder a instalacións da Deputación de Lugo, un dereito dos membros da Corporación tal e como lles recordou a Valedora do Pobo.

0.10607695579529