O Partido Popular impulsa a rehabilitación integral do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá no Senado

AMariñaXa
O PP logra o apoio unánime para instar ao Goberno central a financiar e liderar a restauración do mosteiro, un dos principais patrimonios da Mariña lucense
Mosteiro-de-San-Salvador-de-Lourenza
24 Feb 2025

O Partido Popular conseguiu aprobar, sen ningún voto en contra, a súa proposta na Comisión de Cultura do Senado para instar ao Goberno de España a liderar e financiar a rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá. A proposta foi defendida polo senador mariñán José Manuel Balseiro, que destacou a importancia de preservar este valioso monumento, fundado no século X polo Conde Osorio Gutiérrez, tamén coñecido como o ‘Conde Santo’. Este edificio, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1974 e Ben de Interese Cultural de Galicia, atópase nun estado de deterioro progresivo, o que pon en risco a súa conservación e valor como patrimonio arquitectónico e relixioso.

Balseiro subliñou que a Xunta de Galicia xa ten impulsado obras de conservación na igrexa do mosteiro, cun investimento recente superior aos 360.000€, pero advertiu que é necesario o impulso do Goberno central para levar a cabo unha rehabilitación completa. O PSOE, pola súa parte, presentou unha emenda que non foi aceptada, xa que a súa proposta carecía do compromiso do Goberno con fondos estatais e de liderado no proxecto.

O senador popular tamén lembrou as promesas incumpridas por parte do PSOE, citando o rexeitamento do Goberno central a diversas solicitudes de axuda para a rehabilitación do mosteiro, como a do programa do 2% Cultural. "O Goberno do PSOE non ten feito nada pola Mariña", afirmou Balseiro.

O mosteiro de San Salvador, que alberga dependencias municipais e un Museo de Arte Sacra, presenta un grave deterioro nas súas instalacións, dificultando as visitas e a súa conservación. A súa restauración é esencial para garantir a súa preservación e para manter a súa relevancia como un dos principais referentes do arte barroco galego.

⚙ Configurar cookies
0.16143584251404