O Partido Popular de Lourenzá critica que o goberno local non solicite subvencións
O Grupo Municipal Popular de Lourenzá advirte da “desgana” do goberno local socialista, “tal e como demostraron os seus membros no pleno celebrado esta semana” ao confirmar que non solicitaron axudas nin para o desenvolvemento dun obradoiro de emprego nin para a organización do campamento de verán.
Os populares non entenden que o goberno socialista rexeite un obradoiro para formar aos veciños no paro para mellorar a posibilidade e atopar un emprego ao mesmo tempo que lles proporciona un posto de traballo por uns meses. De feito, consideran “unha aberración” que o goberno local “se escuse dicindo que non hai xente interesada”, a pesar de ser coñecedores de importante número de persoas en situación de desemprego que rexistra o noso municipio.
Igualmente, dende o PP lamentan que o equipo de goberno non solicitase a subvención para o campamento de verán, escusándose en que requiría moitos trámites e era moi difícil de xustificar, o que demostra “poucas ganas de traballar, algo que non se debe tolerar de ningún representante público”. Tamén inciden na “improvisación” por parte do goberno socialista que “recoñeceu que non sabe de que partida orzamentaria concreta retirarán o diñeiro para pagar este servizo”.
Outras queixas
Outro exemplo constitúeno os contedores soterrados da rúa Montero Villegas sen funcionar "durante moito tempo", no que foron substituídos por outros móbiles que, ao estar sucios, "ofrecen unha mala imaxe aos veciños e visitantes, especialmente aos peregrinos do Camiño Norte", denuncian.
Ademais da sucidade nos contedores, os populares reclamaron no pleno unha maior limpeza das rúas e beirarrúas, propoñendo o desenvolvemento dun plan de limpeza periódico, pero “o goberno local aproveitou a situación de escaseza de auga para poñela como escusa cando todos os veciños e veciñas sabemos que non se limpan dende fai anos”.
Dende o Grupo Municipal Popular tamén reivindicaron a emisión dos plenos en directo, como fan outros Concellos, para os veciños e veciñas que queiran seguilo. Pero, “os socialistas aseguran que non é necesario”, conclúen os populares.