O Partido Popular de Foz impugnará o pleno extraordinario celebrado este luns

Foz
AMariñaXa
Din que Cajoto, "incumprindo a legalidade, non deixou que se votara a emenda do Grupo Municipal Popular na que se pedía novamente a adxudicación do servizo da Residencia de Maiores"
pp-foz-javier-castineira
16 Xul 2024

O Partido Popular de Foz di que non pasa polas "manipulacións do alcalde" e impugnará o pleno extraordinario celebrado este luns no que se levaba novamente a adxudicación do servizo da Residencia de Maiores.

Así, din que Cajoto, "incumprindo a legalidade, non deixou que se votara a emenda do Grupo Municipal Popular na que se pedía que se deixara o asunto da enriba da mesa dado que, mentres non estiveran claras as cantidades que ía a pagar os usuarios e mentres non estiveran claras as cantidades de axudas que ía a dar o Concello, non era prudente sacar adiante este concurso porque hai a posibilidade de que haxa moitos usuarios que teñan que abandonar a Residencia”, explica o voceiro popular, Javier Castiñeira.

No anterior pleno no que levou este asunto, Cajoto admitiu que se votase a posibilidade de que quedase enriba da mesa porque contaba co apoio dos seus socios, pero agora que o BNG se sumaba á proposta dos populares. Polo que o alcalde "decidiu de forma unilateral que non se chegue nin a votar a opción de aprazar a adxudicación ata que se concrete canto vai a ter que pagar cada usuario".

Con todo, os populares critican que "son moitas as irregularidades de Cajoto e chegaremos ata o final para evitar este atropelo. Estamos dispostos a levalo ao contencioso-administrativo”, sinala Javier Castiñeira. “Non é unha cuestión política, é unha cuestión de humanidade ante un atropelo ás familias e usuarios da Residencia. Cos votos do Partido Popular que non conten se iso vai a provocar que haxa usuarios que teñan que abandonar a Residencia de Maiores por non poder pagala”, finaliza o voceiro do PP de Foz.

0.10572290420532