O parque eólico Faro, no Vicedo, non obterá autorización tras o veto ambiental da Xunta

AMariñaXa
A resolución autonómica supón o peche definitivo dunha iniciativa eólica tramitada durante máis dunha década
parque-eolico
19 Dec 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático vén de denegar de maneira definitiva a autorización administrativa previa e a autorización de construción do parque eólico Faro, proxectado no municipio de O Vicedo (Lugo). A decisión, recollida nunha resolución do pasado 3 de decembro de 2025, implica tamén o arquivo do expediente tras unha declaración de impacto ambiental desfavorable emitida polos servizos técnicos da Xunta.

Segundo recolle o extracto da resolución publicado, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático resolve non autorizar a instalación promovida pola empresa Nieblagen, S.L., logo de que a Dirección Xeral de Calidade e Sustentabilidade Ambiental determinase, en xuño de 2023, que a modificación substancial do proxecto non cumpría cos criterios ambientais esixidos.

O parque eólico Faro fora admitido a trámite no ano 2010 cunha potencia prevista de 3 megawatts, dentro do proceso de asignación de nova potencia eólica en Galicia. Un ano despois, en 2011, o promotor solicitou as autorizacións necesarias e depositou unha garantía económica de 60.000 euros para asegurar o acceso e conexión á rede eléctrica, á que se sumou outro aval do mesmo importe no ano 2020.

Ao longo da súa tramitación, o proxecto pasou por diferentes fases administrativas, incluíndo a autorización inicial das instalacións en 2014. Porén, en decembro de 2021, Nieblagen solicitou unha modificación substancial, que incluía cambios no modelo do aeroxerador, a súa localización e os accesos, o que obrigou a reiniciar parte do procedemento e a someter a proposta a unha nova avaliación ambiental.

Durante este proceso, solicitáronse informes a múltiples organismos e administracións públicas, así como a entidades ambientais e sociais. Finalmente, a avaliación ambiental concluíu cunha declaración desfavorable, o que impediu continuar coa autorización do parque.

A resolución agora feita pública ordena tamén o arquivo definitivo do expediente e a cancelación das garantías económicas depositadas pola empresa promotora, por un importe total de 120.000 euros. Ademais, consta que a compañía presentou alegacións no trámite de audiencia, nas que solicitaba a nulidade do procedemento, aínda que estas non modificaron o sentido final da decisión da Xunta.

Con esta resolución, a Administración autonómica pecha un expediente iniciado hai máis dunha década e deixa sen efecto a implantación do parque eólico Faro no termo municipal de O Vicedo.

⚙ Configurar cookies
0.12048482894897