O Parlamento únese para solicitar á Xunta o recoñecemento do Camiño do Mar

AMariñaXa
O Parlamento galego demandará nunha proposición non de lei á Xunta o recoñecemento oficial do Camiño do Mar como ruta xacobea.
peregrinos camino norte ribadeo
22 Apr 2021

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a recoñecer  o carácter oficial da ruta xacobea coñecida como Camiño do Mar, que discorre polas vilas lucenses de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, e prosigue pola provincia da Coruña, vía Mañón, Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Narón ata Neda, e o inclúa en todas as accións de promoción e divulgación turística ligadas ao Xacobeo 2021-2022.

Esta petición lévana solicitando dende fai anos, todos os concellos da Mariña polos que transcorre este trazado, especialmente dende Viveiro. Os socialistas, impulsores da iniciativa consideran  que "agora é máis urxente que nunca, por mor do espacial impacto da Covid-19 na Mariña, xa que precisamos unha recuperación económica de todos os sectores produtivos, especialmente do turismo”, resumiu.

O deputado popular José Manuel Balseiro explicou que este recoñecemento “non se pode facer directamente a golpe de proposición non de lei, senón que previamente son necesarios estudos, informes e documentos que demostren que efectivamente hai razóns para oficializar esta nova ruta xacobea”.

“O Camiño do Mar, como ruta xacobea, poderá ser unha realidade se somos capaces de facer ben ese traballo”, afirmou José Manuel Balseiro, quen avanzou que “unha vez oficializado, como marca a Lei desde a Axencia de Turismo de Galicia, recibirá a correspondente promoción e difusión como as restantes rutas xacobeas existentes en Galicia”.

0.18239402770996