O Parlamento reclamará á Xunta que apoie aos traballadores de Vestas
A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha proposición non de Lei presentada pola parlamentaria socialista Patricia Otero para reclamarlle á Xunta que tome “tódalas medidas de apoio aos traballadores e traballadoras afectadas polo anuncio de peche de Vestas”. Otero, que mantivo un encontro co Comité de Empresa na concentración convocada hoxe no Parlamento, lamentou sen embargo que o PP rexeitara a parte da proposta que incluía un plan de reindustrialización para a comarca.
Otero criticou a política de anuncios baleiros de contido despregada pola Xunta dende o anuncio de peche da factoría de Chavín –Viveiro-. Sinalou que “é moi necesario que nos poñamos a traballar con feitos e con realidades, e non só con eslóganes” e urxiulle á Xunta que adopte “tódolos mecanismos posibles para tumbar o ERE” presentado pola empresa con evidentes mostras de mala fe.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que adopte con Vestas as medidas para dificultar o procedemento de ERE que antes lle reclamaba ao goberno do Estado para coa situación de Alcoa. A singularidade deste caso, dixo, é que a empresa está afincada en Galicia e o ERE foi presentado diante da Xunta de Galicia, que ademais ten competencias exclusivas en materia industrial, de acordo co Estatuto de Autonomía.
Lamentou que o goberno de Feijóo leva “12 anos gobernando e non foron quen de ler o Estatuto de Autonomía nin de entender o artigo 30.1”, e sinalou que “se non son quen de exercer as súas competencias en materia industrial, tal vez sexa o momento de cedérllelas a quen quere e pode exercitalas”. Deste xeito, urxiu a convocar a Mesa Industrial para analizar as alternativas viables para garantir o mantemento dos postos de traballo”.
Acusou ao PP e ao goberno galego de centrarse en “botar balóns fora e responsabilizar ao goberno central”, que demostrou a súa implicación asistindo á Mesa de traballo convocada pola Xunta, que “tardou unha semana en recibir ao Comité de Empresa”.
PLAN DE REINDUSTRIALIZACIÓN
Patricia Otero acusou ao goberno galego de “non tomar en serio un plan de reindustrialización para a nosa comarca” coa mirada posta no medio e longo prazo, ao igual que aprobaron antes os plans Ferrol e Ourense. Denunciou que “o seu compromiso coa Mariña limítase a puros eslóganes” e reivindicou unha “aposta decidida” pola comarca.
A responsable socialista reclamara hoxe un plan de reindustrialización para a Mariña Lucense “con medidas concretas, achega orzamentaria, proxectos definidos e un calendario de execución e avaliación de resultados”. Sen embargo o PP obrigou a deixar este apartado á marxe do acordo de hoxe, que votaron por separado para opoñerse.
PARTIDO POPULAR
O Parlamento galego aprobou tamén a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a activación urxente das medidas pendentes en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura. Neste sentido, solicitou que se proceda á intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao, inicialmente de forma transitoria e a través da SEPI, coa fin de asegurar o mantemento do emprego e da actividade industrial, e facilitar a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable.
A portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa, lembrou que “hoxe se cumpren tres anos e tres días desde a primeira crise na industria electrointensiva de Galicia, cando Alcoa avisaba do peche inminente da súa factoría en A Coruña”. “Tres anos sen solucións e en risco o emprego de milleiros de traballadores, aos que mandamos todo o noso apoio”, apuntou.
“Está nas mans do Goberno central desbloquear a venda da planta de aluminio de Alcoa e tamén está nas súas mans ofrecer un prezo eléctrico competitivo que lles permita contar coa seguridade xurídica necesaria para que os posibles compradores poidan presentar as súas ofertas”, explicou.
Marta Nóvoa explicou que as empresas electrointensivas “pagan hoxe de media 125,50 euros/MWh, que é máis do dobre respecto a Francia e un 44 por cento máis que en Alemaña”. Neste sentido, lamentou que a súa situación “empeorou desde a aprobación do estatuto da industria electrointensiva, xa que antes había unha diferencia con Francia e Alemaña de 20-25 euros o megavatio hora e agora hai un diferencial de 40 a 70 euros”.