O Parlamento quere compatibilizar a práctica da pesca deportiva coa actividade portuaria

AMariñaXa
Aprobou instar á Xunta a habilitar unha fórmula para facer compatible a práctica de pesca deportiva desde as dársenas portuarias
5 Feb 2021

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a estudar e habilitar unha fórmula para facer compatible a autorización da práctica de pesca deportiva desde as dársenas portuarias, en condicións de seguridade, normalidade e sustentabilidade, e sempre que non se entorpezan os labores dos profesionais do mar e outras actividades propias dos portos.

O deputado popular José Manuel Balseiro explicou que “se trata dunha actividade de pesca recreativa convertida en tradición que, a pesar de non estar autorizada en zonas portuarias, leva producíndose de xeito puntual, sempre e cando non estorbe ás descargas e outras operacións dos barcos e se realice en condicións de seguridade e sustentabilidade”.

EN COLABORACIÓN CO SECTOR

“Porén, nos últimos meses, e vinculado ao incremento da vixilancia dos corpos e forzas de seguridade por mor da pandemia do coronavirus, aqueles que practican esta modalidade de pesca poden enfrontarse a sancións económicas”, sinalou.

Deste xeito, Balseiro considerou “relevante dar unha solución a esta situación, polo que debería estudarse unha fórmula, coa colaboración do sector, para facer compatible a continuidade desta práctica de pesca recreativa coas condicións propias da actividade dos portos”.

Así, avogou por “estudar a posibilidade de habilitar espazos nos que a práctica estea autorizada e nos que os pescadores deportivos, provistos da súa correspondente licenza e cos límites e condicións que a pesca recreativa incorpora en canto a número de capturas, especies e tamaños, poidan seguir con esta tradición”.

0.12937498092651