O Parlamento insta ao Goberno central a revisar os coeficientes redutores dos traballadores do mar
O Parlamento galego aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España a iniciar o proceso de revisión dos coeficientes redutores dos traballadores e traballadoras do mar, adecuando os mesmos as circunstancias actuais da frota e da actividade marítimo-pesqueira, marisqueira e acuícola.
O deputado popular José Manuel Balseiro explicou que “o ordenamento xurídico de España contempla a posibilidade de que os traballadores do mar e doutros colectivos perciban a súa pensión de xubilación antes de cumprir a idade mínima de 65 anos”. Para coñecer canto é o tempo en que se reduce a idade de xubilación empréganse os denominados coeficientes redutores, aplicados aos anos traballados nas devanditas actividades.
Balseiro considerou necesario “retomar o traballo feito ata o de agora neste asunto, unha vez ten sido aprobado o regulamento europeo polo que se definen as características dos buques de pesca, xa que consideramos crucial uniformizar e igualar os coeficientes conforme a criterios realistas e máis acaídos á realidade actual”.
MAIOR EQUIDADE
“Desde o Grupo Popular defendemos unha maior equidade nos dereitos de xubilación de mariñeiros, redeiras e mariscadoras, en recoñecemento dunha actividade dura, de especial desgaste, na que a idade é un factor moi a ter en conta”, apuntou.
Para rematar, José Manuel Balseiro agradeceu aos grupo da oposición “que teñan a sensibilidade para atender esta demanda que hoxe trae ao Parlamento galego o Grupo Popular, que en realidade é expresión da vontade de moitos profesionais do mar”.