O Parlamento galego pide que se tramiten con axilidade os proxectos eólicos vencellados coa industria
O Parlamento de Galicia aprobou, sen o voto favorable do BNG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta e ao Goberno de España a tramitar coa maior axilidade os proxectos eólicos da súa competencia, especialmente aqueles declarados como iniciativas empresariais prioritarias, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, e cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial en Galicia, vinculando estes proxectos a garantir polo menos o 50 por cento do consumo de enerxía do devandito centro, nomeadamente no caso de planta de Alcoa en San Cibrao. Así mesmo, pídese un compromiso claro do Goberno central, a Xunta e Alcoa para garantir a reactivación da planta de San Cibrao, así como establecer un marco enerxético competitivo que garanta o futuro da produción de aluminio primario.
O deputado popular José Manuel Balseiro manifestou que a Xunta “quere seguir demostrando con feitos a súa máxima implicación cun desenvolvemento eólico ordenado en Galicia, cumprindo todas as directrices que marca a lexislación vixente, facendo que sexa compatible coa protección do medio ambiente e prestando especial atención aos proxectos vencellados coa industria”.
IMPLICACIÓN DO GOBERNO DE ESPAÑA
“Queremos esta mesma implicación e compromiso por parte do Goberno de España, tramitando en tempo e forma os parques eólicos de máis de 50 megavatios que dependen da súa xestión e vinculados á industria, sen ignorar a existencia dun Plan Sectorial Eólico en Galicia, que determina cales son as áreas de desenvolvemento eólico permitidas”, sinalou.
No caso concreto de Alcoa, Balseiro subliñou as “certezas que ofreceu a Xunta, como achegar unha axuda de preto dun millón de euros para a mellora da eficiencia enerxética desta factoría, autorizando e declarando a excepcionalidade de todos os parques eólicos que a empresa precisa para obter enerxía a prezos competitivos e, por último, priorizando aqueles proxectos que destinen máis do 50 por cento da súa enerxía á industria galega”.
“Pero tamén é necesario o compromiso do Goberno de España con Alcoa e con toda a industria galega, autorizando os 13 parques eólicos vinculados aos seus proxectos de futuro, que suman máis de 1.100 megavatios”, indicou o portavoz popular. Por este motivo, a través da proposición non de lei aprobada hoxe pídese que garanta a axilidade na tramitación dos proxectos eólicos cuxa autorización é de competencia estatal, que adopte todas as medidas que permitan dar prioridade ás instalacións que subministran electricidade á industria, que active o PERTE para descarbonizar a industria electrointensiva, e, por último, que denegue os proxectos que están fóra das áreas de desenvolvemento eólico, salvo aqueles para os que a Xunta declarou a excepcionalidade en base á Lei eólica galega.
Para rematar, José Manuel Balseiro criticou “a obsesión do BNG contra os eólicos desatendendo unha realidade innegable: os traballadores de Alcoa, e da industria electrointensiva en xeral, non poden ter futuro se non se garante un prezo eléctrico competitivo”. Así, lamentou que os nacionalistas galega “actúan sempre igual: agárranse ás pancartas e din estar xunto cos traballadores, pero despois bloquean as posibles solucións con plataformas teledixiridas en contra dos parques eólicos, forzando ás empresas ao peche por incapacidade de produción”.