O Parlamento demanda simplificar os procesos formativos e a homologación de titulacións pesqueiras

AMariñaXa
O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Pesca que simplifique os procesos formativos e a homologación de titulacións pesqueiras
marisco pescadores
4 Mar 2022

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Pesca que coordine con todas as comunidades autónomas a simplificación dos procesos formativos e a homologación de titulacións do sector pesqueiro. “Queremos máis e mellores profesionais para a nosa frota pesqueira, simplificando a burocracia, facilitando a formación e mellorando os procesos de convalidación de títulos, sen restar un ápice ás esixencias de seguridade e capacitación”, manifestou o deputado popular José Manuel Balseiro.

Na súa intervención, Balseiro afirmou que “non é xusto nin razoable que un profesional do mar perda tampo e diñeiro en papeleo, cando hai demanda de emprego no sector e hai persoas cualificadas para desenvolver eses traballos”. “A administración debe ser rigorosa e garantir unha formación de calidade e suficiente, pero nunca debe actuar como un obstáculo”, apuntou.

“Hai profesionais enrolados nos buques de pesca que, pola súa experiencia e capacidade, sumándolle unha formación complementaria, poden asumir outras atribucións de maior complexidade a bordo, pero a dificultade nos procesos de homologación de títulos e a rigorosidade do actual sistema de formación náutico-pesqueira fan que desistan do intento”, lamentou

O deputado popular afirmou que “podemos mellorar todo ese proceso de acceso, obtención e homologación de titulacións náutico-pesqueiras facéndoo máis simple e garantindo en todo caso a seguridade dos profesionais do mar, de xeito que o persoal enrolado nos buques pesqueiros de navegación marítima teña as competencias e aptitudes necesarias para desempeñar con garantías as súas funcións”. 

COMPETENCIA DO GOBERNO DE ESPAÑA

José Manuel Balseiro explicou que a administración competente para facer estas modificacións é o Goberno de España, tal e como se recolle na Lei de pesca marítima do Estado, que establece que o Ministerio de Pesca regulará as titulacións profesionais do sector.

Pola contra, salientou que “Galicia, no marco das súas competencias, sempre foi proactiva” e concretou que “na última década saíron dos centros de formación dependentes da Consellería do Mar arredor de 1.725 titulados profesionais en ensinanzas marítimo-pesqueiras, ao tempo que a ampliación da oferta formativa da Xunta propiciou que a media anual de matriculados medrase nun 60 por cento nos anos do Goberno de Feijóo”. 

0.22389602661133