O Parlamento de Galicia aproba por unanimidade a finalización da senda peonil entre Alfoz e O Valadouro

O deputado mariñao Daniel Castro García logrou que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade unha Proposición non de lei presentada polo BNG na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos. A iniciativa insta á Xunta a rematar canto antes a senda peonil entre Vilaúde e O Reirado, que comunica os concellos de Alfoz e O Valadouro.
A construción desta infraestrutura iniciouse hai máis dunha década como unha medida para mellorar a comunicación entre ambos os municipios, cuxa poboación mantén fortes vínculos sociais, laborais e económicos. Porén, a obra quedou incompleta, deixando un tramo final de aproximadamente 600 metros sen executar. Segundo explicou Castro, “esta carencia obriga aos veciños e veciñas a desviarse por estradas secundarias, poñendo en risco a súa seguridade”.
En febreiro de 2020, o Concello de Alfoz trasladou á Xunta unha proposta formal para completar o proxecto, pero ata o momento non obtivo resposta por parte do goberno do PP.
Infraestrutura clave para a seguridade e a mobilidade
O deputado nacionalista destacou que a finalización da senda peonil é fundamental para mellorar a mobilidade, fomentar a actividade física e garantir a seguridade das persoas que transitan entre Vilaúde e O Reirado. Así, o BNG urxe á Xunta a atender as demandas dos concellos e completar “dunha vez por todas” esta infraestrutura.
Dende a formación nacionalista reiteran o seu compromiso co desenvolvemento das infraestruturas locais e coa seguridade viaria, e aseguran que seguirán traballando para que esta demanda lexítima da veciñanza sexa atendida con urxencia.