O palangre de Burela, contra as cordas tras a sentenza da UE que avala os vetos á pesca de fondo

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) manifestou a súa decepción pola sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea, que rexeitou o recurso presentado contra a prohibición de pesca con artes de fondo en zonas con presenza ou risco de existencia de ecosistemas mariños vulnerables. A decisión xudicial, feita pública en Luxemburgo, avala o Regulamento de Execución 2022/1614, aprobado pola Comisión Europea o 15 de setembro de 2022.
A entidade burelesa, que interpuxera o recurso o 13 de decembro dese mesmo ano, expresou o seu respecto pola decisión xudicial, mais cualificouna de "incomprensible" e "moi afastada da realidade do sector", en especial no que atinxe ao palangre de fondo ou demersal.
Segundo explican desde a OPP-7, o regulamento europeo aplicouse de xeito uniforme a todas as modalidades de pesca, sen diferenciar entre as técnicas utilizadas nin os seus efectos reais no medio mariño. “A Comisión usou un modelo deseñado para o arrastre e aplicouno a outras artes como o palangre, que practicamente non ten contacto co fondo mariño”, critican.
A organización considera que esta falta de diferenciación técnica levou a unha decisión “desproporcionada”, especialmente prexudicial para o palangre, unha das artes máis selectivas e sostibles, segundo indican. “Non se pode matar moscas a cañonazos”, advirten, asegurando que só un terzo das zonas vetadas ten realmente valores ambientais que xustifiquen a prohibición, mentres o 68% restante foi incluído por extrapolación.
No comunicado, a OPP-7 lamenta que o tribunal non tivese en conta o forte impacto económico e social que esta normativa tivo sobre o sector. “Nos primeiros 50 días desde a entrada en vigor das restricións, a nosa frota perdeu máis do 30% das capturas”, afirman. A organización lembra tamén a falta de consulta pública e a escaseza de datos científicos específicos para cada tipo de arte de pesca como elementos clave que a sentenza pasou por alto.
Desde o porto de Burela, o fallo xudicial foi recibido con preocupación e indignación. “A sentenza non é a que agardabamos, nin tampouco é lóxica nin xusta. Non entra no fondo do asunto nin aborda a desproporción das medidas nin a ausencia de diálogo co sector”, denuncian.
A OPP-7 considera que o recurso era unha ferramenta lexislativa imprescindible para frear unha forma de actuar da Comisión Europea que cualifican de "perigosa para todo o sector pesqueiro europeo". A organización teme que esta sentenza precipite a desaparición do palangre, “un sistema de pesca que debera ser modelo de sustentabilidade”.
A entidade tamén fai un chamamento ás administracións públicas, tanto galegas como estatais e europeas, para que cooperen entre si e co sector, ante a posibilidade de que boa parte da frota tradicional desapareza en pouco tempo se non se revisa a normativa.
“A nosa decisión de recorrer, dedicando importantes recursos económicos e humanos, é a proba máis clara de que esta norma é errada. E cando unha norma non é axeitada, hai que cambiala”, subliñan. Por iso, piden que a Comisión Europea e a Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) tomen nota desta situación. “Con esta sentenza perdemos todos”, conclúe o comunicado.