O país das bandas achegará o martes a Cervo á Banda O Landro de Viveiro
O ciclo O país das bandas, promovido pola Federación Galega de Bandas de Música Populares chega o martes 17 a Cervo con concertos da Banda de Música O Landro de Viveiro.
Así, a Banda de Música O Landro de Viveiro ofrecerá ás 22.00 horas en Sargadelos as pezas Aguileño, Pusiano, Gabriel´s oboe e Fantasía en Do. Outras das melodías previstas no programa son Sinfonía romaría, A discovery fantasy. Shalom, suite of israeli folk songs e Santana a portrait.
Esta agrupación fundouse en 1917 por Juan Latorre Capón a partir da Banda de Exploradores, primeira formación bandística consolidada que se instaura en Viveiro. Desde 2015 está dirixida por Carlos Timiraos Timiraos.
O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.