O pádel suma novos adeptos en Xove coa programación de verán

Entre o 23 de xullo e o 29 de agosto, un total de trinta rapaces e rapazas de entre 6 e 19 anos tomaron parte nun curso de pádel desenvolvido en Xove. As sesións celebráronse dous días á semana e formaron parte da programación estival organizada polo Concello.
A iniciativa contou cunha ampla acollida, xa que permitiu achegar este deporte tanto a nenos e nenas que se iniciaban por primeira vez como a mozos que xa tiñan experiencia e buscaban mellorar o seu nivel.
Paralelamente, durante os meses de verán, un grupo de mozos e mozas do municipio puxo en marcha unha liga de pádel que serviu como punto de encontro para os afeccionados locais, reforzando así o dinamismo deportivo da vila.
Tanto o curso como a liga foron posibles grazas á colaboración das Concellerías de Xuventude e Deporte, xunto coa Oficina de Información Xuvenil, que continúan impulsando actividades para favorecer a práctica deportiva e o ocio saudable entre a mocidade.