O obradoiro de emprego Territorio Vivo prepara visitas interpretativas pola ría
Nos Concellos de Ribadeo e Barreiros continúa desenvolvéndose o obradoiro de emprego Territorio Vivo, un programa para persoas mozas cofinanciado no 91% polo Fondo Social Europeo e pola iniciativa de emprego xuvenil e na porcentaxe restante pola Consellería de Emprego e Industria. O alumnado ultima visitas interpretativas pola ría ribadense e pola praia de Altar e a posta en marcha dun centro de interpretación virtual do patrimonio natural de ambos concellos.
Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local de Ribadeo explican que “a especialidade de Interpretación e Educación Ambiental, na que participan 8 rapaces e rapazas, está a realizar os seguintes traballos: por unha banda, desde o mes de outubro a alumnado e a monitora puxeron en marcha unha horta ecolóxica no CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo, no que 220 nenos e nenas están a participar no seu coidado e nas actividades de educación ambiental deseñadas e relacionadas coa citada horta. Esta actividade ten como obxectivo concienciar aos participantes sobre a importancia da sostenibilidade, educar en valores e estimular o traballo cooperativo. E simultaneamente, están a realizar talleres de alimentación de proximidade dirixidos aos escolares dos colexios de San Miguel de Reinante e San Cosme de Barreiros para sensibilizar sobre os beneficios dunha alimentación sostible e saudable. E, por último, están a elaborar os contidos que serán incluídos en paneis informativos e folletos dixitais dunha ruta circular pola fraga de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros. Así como o deseño dun horto ecolóxico en mesas de cultivo que se instalará na residencia municipal de Ribadeo proximamente”.
E engaden que “os seguintes puntos de intervención de cara aos últimos meses do obradoiro que rematará o 12 de agosto, serán dous: por unha banda o deseño e a posta en marcha de visitas interpretativas pola ría de Ribadeo e pola praia de Altar, dirixidos a tódolos públicos, que se ofertarán nas oficinas de turismo dos Concellos de Ribadeo e Barreiros durante os meses de verán. Con estes roteiros preténdese poñer en valor a riqueza do patrimonio natural que ámbolos dous concellos atesouran e sensibilizar, no caso da praia de Altar, acerca da importancia de conservar o ecosistema dunar como hábitat da píllara das dunas, especie vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas. E en segundo lugar a creación dun centro de interpretación virtual do patrimonio natural dos concellos no que se recollerá un rexistro dos distintos bens que o compoñen, detallando as súas características, o emprazamento e fotografías dos mesmos”.