O novo nomenclator de Galicia cambia o nome de tres concellos da provincia e engade novas parroquias

A Real Academia Galega (RAG) celebra a aprobación no Consello da Xunta de hoxe da proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia (NG) de 2003, que a institución lle presentara á Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia o pasado 18 de xullo.
A ratificación supón o visto bo final ao traballo dos especialistas do Seminario de Onomástica da RAG. O documento incorpora 1.665 nomes, ata chegar aos 42.909 topónimos que designan os 313 concellos de Galicia, as súas parroquias e mais os lugares ou entidades de poboación. Canto aos cambios, tras o estudo detallado de 4.398 casos, a Academia propuxo realizar cambios nuns 2.531 topónimos. Catorce corresponden a nomes de concellos, 12 tras as fusións, 182 ditames son sobre nomes de parroquias ou as súas advocacións e os demais 2.335 casos corresponden a nomes de lugar ou entidades de poboación. Todos os detalles das modificacións poden consultarse neste volume dispoñible na sección de publicacións de academia.gal.
Segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e correspóndelle á Xunta de Galicia a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG, que respectan sempre as características dialectais de cada zona. O novo rexistro oficial entrará así en vigor tras a publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto correspondente. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega agarda que en diante as vindeiras actualizacións deste documento en constante revisión se vaian aprobando de maneira anual ou bienal, como sucede noutras comunidades autónomas.
Cambios nos nomes de concellos
O Seminario de Onomástica ditaminou modificar os nomes dunha ducia de municipios, catorce no Nomenclátor de 2003, que non contemplaba aínda a posterior fusión de Cerdedo e Cotobade e mais de Oza dos Ríos e Cesuras. Para adaptárense ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, pasan a ser Cerdedo Cotobade e Oza Cesuras, sen guión, signo que tamén perde Mondariz Balneario. Alén destas cuestións ortográficas, o concello ourensán rexistrado ata o momento como Riós será definitivamente O Riós, en consonancia coas súas atestacións históricas e co uso que a poboación fai do artigo; o coruñés Porto do Son incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, algo que tamén acontece con O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas. O contrario sucede con Pastoriza, que deixa atrás o artigo; Cangas engade o “apelido” e pasa a ser Cangas de Morrazo; A Cañiza restitúe a forma galega tradicional documentada desde antigo, A Caniza; e Alfoz recupera o seu nome histórico, Alfoz do Castrodouro.
O Seminario de Onomástica revisou o Nomenclátor de 2003 e realizou dous tipos de análises: aquelas destinadas a solucionar problemas de tipo lingüístico e aqueloutras que atinxen incidencias de carácter xeográfico-administrativo.
Os criterios xerais que os especialistas da RAG seguen para ditaminar e, polo tanto, modificar ou manter a forma oficial dun topónimo son catro: malia que o primordial é a etimoloxía de cada unha das denominacións, téñense en conta tamén as atestacións escritas na documentación histórica, especialmente cando a etimoloxía é escura; a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos, e mais o uso oral e escrito que a veciñanza e as principais institucións fan do topónimo. Procúrase ademais non realizar un novo ditame naqueles casos que presentaban dúbidas razoables.
Dentro do primeiro gran grupo de revisións, estudáronse 4.398 topónimos sobre os que se sinalaba algún posible problema lingüístico. Case o 60 %, un total de 2.531, foron obxecto dun novo ditame. As preto de 5.000 incidencias analizadas en total (hai topónimos obxecto de revisión por máis dun motivo) clasificáronse en seis grupos xerais: morfosintácticas (2.479), léxicas (927), gráficas (377), fonéticas (900), compostas (140) e advocacións de parroquias (128).
A maior porcentaxe de problemas que presentaba o NG 2003 refírese á ausencia ou á presenza do artigo. Realizáronse 1.519 informes que respondían á necesidade de incluílo na denominación oficial de lugares como os do Barral, O Couto, O Curriño, O Torreiro, O Fixoi, O Ceán e As Pociñas, no concello coruñés de Abegondo; mentres que noutros 427 casos ditaminouse que cumpría eliminar o artigo en lugares como Vilar no mesmo municipio.
Os problemas léxicos tamén foron motivo dun gran número de revisións, máis de 900. Especialmente importantes foron as investigacións que se levaron a cabo naqueles topónimos en que se detectou un nome total ou parcialmente distinto; ou aquelas en que se restituíu a forma patrimonial galega de topónimos que figuraban castelanizados no NG 2003, como os varios *A Rectoral que pasan a ser A Reitoral en Cabana de Bergantiños, Santiso, Xermade, Monforte de Lemos, Taboadela, Vilagarcía de Arousa, Ortigueira e Crecente.
Canto aos 128 problemas identificados nas advocacións de parroquias, 80 respondían á advocación errada, 45 estaban castelanizada e 3 carecían de advocación no anterior Nomenclátor.
Na revisión do NG advertiuse ademais a existencia de 13.788 topónimos con algún problema xeográfico- administrativo, que sumaban 16.752 incidencias. Malia que a cifra semella realmente alta, cómpre ter en conta que o 64 % corresponde a discordancias cos datos do INE. Hai, por exemplo, 8.817 topónimos que non figuran na relación estatal pero que si aparecían xa no Nomenclátor de Galicia de 2003. Neste casos só se deixa constancia desta circunstancia, sen que sexa preciso o estudo e ditame do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Inclusión e exclusión de topónimos no Nomenclátor
Respecto da eliminación ou inclusión de novos topónimos, no Nomenclátor de Galicia actualizado figurarán 7 parroquias máis ca na versión de 2003. Unha delas é A Coruña, que se refire en termos administrativos a todo o núcleo urbano da cidade do mesmo nome; outra é Os Tilos, en Teo; dúas pertencen a Narón, Xuvia (Santa Icía) e Xuvia (San Martiño); e as demais son Santo Estevo e Teixeira, en Baralla; e Sevane, en Navia de Suarna.
Danse ademais de alta 1.658 lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría son nomes de aldeas con moi poucos habitantes que se incorporan á nova listaxe autonómica grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas, mais que tamén serve de apoio de cara á corrección do Nomenclátor.
Hai así mesmo 111 novos lugares que responden á existencia de núcleos de casas co mesmo nome pero diferenciados por adxectivos ou locucións adverbiais (de Arriba, de Abaixo...); 33 son correccións na asignación de parroquia ou concello; e por último, 9 son lugares compartidos entre dúas parroquias, cando no NG 2003 só figuraban incluídos nunha delas.
Tendo en conta todos os diferentes posibles motivos, os concellos que máis entidades de poboación rexistran por primeira vez no novo Nomenclátor de Galicia son Foz (176), Lourenzá (56), Narón (53), Ourol (49) e Pontevedra (47). Chaman tamén a atención outros casos como o do Porto do Son, con 37 entidades de poboación máis, entre elas A Beira, O Campo, A Carballa, O Castro, Comandín, A Cascoña ou As Crabeiras.
No que atinxe ás baixas, elimináronse 8 parroquias e 155 entidades de poboación que figuraban no NG de 2003, gran parte delas por seren lugares adscritos a unha parroquia errónea (80) ou porque son nomes de terras, de avenidas, de rúas, de prazas, de aldeas asolagadas ou desaparecidas.