O novo centro de saúde e a praza de abastos forman parte dos asuntos do último Pleno do mandato de Ribadeo

AMariñaXa
Hoxe terá lugar o último pleno ordinario do mandato de Ribadeo. O novo centro de saúde e a praza de abastos forman parte dos asuntos
hospital asilo ribadeo
4 Apr 2023

Hoxe terá lugar o último pleno ordinario do mandato no Concello de Ribadeo. O novo centro de saúde e a praza de abastos forman parte dos asuntos que figuran na orde do día desta sesión, na que ao seu inicio a Corporación Municipal gardará un minuto de silencio pola memoria das vítimas do grave accidente de circulación ocorrido o pasado sábado en Xove, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que “temos convocado desde a semana pasada un pleno ordinario para estar tarde-noite, que por certo, vai ser o derradeiro deste mandato, e onde se han tratar, coma sempre, temas importantes para Ribadeo. Pero o primeiro que imos facer a Corporación vai ser gardar un minuto de silencio pola memoria destas catro marabillosas persoas que perderon a vida no fatal accidente de tráfico desta pasada fin de semana. Sabemos que a vida debe continuar, pero queremos, sempre co máximo respecto ás familias e como xesto de apoio e de cariño dos representantes públicos, expresar humildemente o noso sentimento de que nunca os imos esquecer”.

Varios asuntos figuran na orde do día: “no pleno trataranse asuntos de índole contable, como a liquidación do orzamento do ano pasado, como dotación de remanentes de crédito para facturas que do 2022 foron presentadas no rexistro de entrada neste 2023, así como unha serie de axustes contables que hai que facer no cambio de ano para que todo flúa e se poida seguir traballando con normalidade”.

Suárez Barcia subliñou que “levaremos neste pleno tamén a proposta de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para delimitar e clasificar con precisión os terreos urbanos comprometidos coa Consellería de Sanidade para a futura construción dun novo Centro de Saúde. Despois dun proceso de meses de tramitación técnica e de recibir os necesarios informes autonómicos, procederemos agora á aprobación inicial e posterior exposición pública así como coa petición do resto de informes sectoriais que marcan as leis”.

O alcalde engadiu que “outro dos puntos será o inicio do expediente de contratación dunhas necesarias obras de mellora na Praza de Abastos coa substitución das vellas reixas e persianas dos postos comerciais por outras novas. Este asunto debe vir ao pleno pola demora excesiva e inxustificada por parte da Xunta de Galicia, xa que tras pedir unha subvención o Concello, recibimos a resposta informal da súa concesión, e logo a resposta escrita denegándoa. Diante desta curiosa situación, o Concello tivo que recorrela, o que levou seguidamente aos técnicos da Xunta a informarnos de que efectivamente ían rectificar na súa mala praxe. Pero o caso é que as semanas pasan e debemos licitar as obras porque con axuda ou sen axuda da Xunta de Galicia, algo ao que xa estamos afeitos, estas obras vanse facer”.

0.17139291763306