O novelista Xavier Queipo recibe o seu VI Premio Vilar Ponte de Narrativa

AMariñaXa
O certame naceu para render homenaxe aos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, escritores nados en Viveiro
premio-viveiro
14 Dec 2024

O Concello de Viveiro celebrou a entrega do VI Premio Vilar Ponte de Narrativa nunha gala realizada no Teatro Pastor Díaz, presidida pola alcaldesa, María Loureiro, e presentada pola xornalista Alba Porral. O galardón principal foi outorgado ao novelista Xavier Queipo pola súa obra 'Tamarindo', mentres que o escritor mariñán Lionel Rexes recibiu un recoñecemento especial pola súa obra 'O terceiro desexo'. Os premios están dotados con 4.000 e 1.000 euros, respectivamente.

No seu discurso, a alcaldesa María Loureiro destacou que este certame busca “abrir unha fiestra á creación literaria en galego, unha lingua que é tamén un sinal de identidade do noso pobo”. Ademais, subliñou que, desde o goberno local, “a cultura non só é unha prioridade, senón tamén unha responsabilidade”.

Tanto o gañador como o finalista agradeceron ao Concello de Viveiro a súa aposta pola cultura e a promoción de iniciativas que fomentan a creación literaria en galego. Tamén destacaron o labor do xurado, formado polo xornalista Carlos Nuevo Cal, a escritora Rosalía Morlán Vieites e o crítico literario Armando Requeixo.

O certame, tal e como explicou a alcaldesa, naceu para render homenaxe aos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, escritores nados en Viveiro e figuras clave da literatura galega. A gala estivo amenizada pola música do Conservatorio de Música de Viveiro, e os membros do xurado recibiron agasallos en forma de pezas de cerámica creadas polo artista local Otero Regal.

0.16720199584961