O Naseiro asegura o seu futuro cunha nova comisión: "Non podemos perder algo tan valioso e especial"
O Naseiro asegura o seu futuro tras a formación dunha nova comisión. Dende a nova organización da Romaría do Bo Xantar van a facer todo o posible para sacar adiante a celebración. Para iso, piden o apoio e a comprensión de toda a xente, do Concello e de todos os implicados na cita. Tamén contan coa axuda dos anteriores organizadores e pretenden así facer os cambios necesarios para que o ano que vén “con máis marxe” os que se encarguen de poñela en marcha conten cun “novo modelo 100 % viable ano tras ano”.
O Naseiro non é unha festa calquera senón que “forma parte da nosa cultura e identidade, é un trozo de historia de Viveiro cun arraigo enorme herdado de xeración e xeración”, din no seu comunicado. Moita xente loitou por mantela viva, polo que “non podemos permitirnos o luxo de perder algo tan valioso e especial”. Aseguran que a posibilidade de que se celebrase a cita era case nula e que no último ano foron moitos os interesados en organizala pero ninguén quixo asumir a responsabilidade porque, tal e como se facía, era “totalmente inviable”, sinalan.
Aseguran que a esixencia por parte de Augas de Galicia é cada vez maior cos requisitos da cita, que debe cumprir cos estándares de seguridade. Ademais, os custes fixos “son moito máis altos que os ingresos xerados e iso fai que O Naseiro leve moitos anos dependendo de axudas externas para poder sobrevivir”. Neste sentido, afirman que os custes dos plans de subministro, seguros, gardas de 24 horas, por exemplo, son o triplo do que pagan os romeiros.
O esforzo tampouco pasa desapercibido. “O volume de traballo para organizar unha festa destas características é enorme”. Son 5 días nos que hai prestar especial atención a toda a planificación e a organización “nunha zona especialmente delicada por toda a lexislación que a envolve”. O que supón un enorme reto para quen asuma o traballo. “A folla de ruta para organizar un Naseiro con garantías comeza en setembro do ano anterior e é un goteo constante de xestións”.
Por outra banda, expoñen que impoñer novas regras e facer cambios é complicado por tratarse dunha romaría con moitos anos de historia e unha dinámica que se mantivo co paso do tempo. Tamén teñen palabras para a anterior comisión referíndose que as críticas cara eles “foron moi inxustas”. Cando contactaron con eles e analizaron a información “o primeiro que nos saíu dicir foi grazas por organizar a festa durante 10 anos nestas condicións, por asumir a responsabilidade e conseguir que puideramos desfrutar todos do Naseiro nos últimos anos”. Defenden, así, que as críticas se deberían facer de maneira educada e con ánimo de mellora.