O Naseiro 2025 enche Viveiro de música, tradición e festa durante seis días

Viveiro prepárase para vivir unha nova edición do Naseiro, unha das celebracións máis emblemáticas da Mariña e declarada Festa de Interese Turístico Galego. A Romaría do Bo Xantar terá lugar entre o venres 22 e o mércores 27 de agosto, cunha programación que mestura gastronomía, música, relixiosidade e animación para todos os públicos.
O punto de partida será o venres 22 co tradicional Día do Polbo, unha xornada gastronómica amenizada por unha charanga, na que os asistentes poderán saborear un dos pratos estrela da cociña galega en pleno campo da festa.
O sábado 23 arrancará coa misa na capela do recinto e posterior procesión. A partir das 14:30 haberá sesión vermú e, xa pola noite, a verbena contará coa actuación das orquestras Elebé e Pasión.
O domingo 24, a celebración continuará cunha eucaristía cantada pola Coral Polifónica "Alborada" de Viveiro, seguida tamén de procesión. A música regresará pola tarde coa sesión vermú e, pola noite, unha verbena a cargo dos grupos Supertop e Alcántara.
O luns 25 haberá sesión vermú de 14:30 a 16:00 e verbena nocturna coas orquestras Salsarena e Arizona.
O martes 26, repítese a fórmula con sesión vermú á mesma hora e verbena con Los Españoles e Conxuro, que animarán o ambiente ata ben entrada a madrugada.
O broche final será o mércores 27, co Día do Neno, unha xornada pensada para o público infantil, con atraccións no campo da festa a prezos populares.
O Concello de Viveiro e a comisión organizadora convidan a veciñanza e visitantes a participar nesta semana chea de diversión, onde a tradición convive coa festa nun entorno natural privilexiado.